RESUMO

A Nosa Terra
n. 10 ( 17/ 3/ 1978)

Co gallo da celebración do Día da Patria Palestina o número dedícalle a principal reportaxe, a fotografía e o titular de portada á historia de resistencia deste pobo fronte á ocupación israelita, contextualizada coa conversa mantida con Farid Fayez, portavoz da Organización para a Liberación de Palestina (OLP) en Galicia. A información sobre a legalización da Asemblea Nacional Popular Galega (AN-PG), contextualizada cunha cronoloxía dos principais fitos da organización dende a súa fundación en 1975, recibe tamén especial atención. Entre o resto de novas que compoñen a actualidade do país recóllese a demanda da construción dun hospital comarcal manifestada pola veciñanza de Bergantiños; dáse conta da conversión das explotacións petrolíferas en novos destinos da emigración galega; e retrátase, a modo de crónica, o cotiá da vida en Portomarín. Ademais, Miguel Anxo Araúxo lglesias, bispo de Mondoñedo, é a personaxe escollida para a entrevista deste número. Nas páxinas centradas no ámbito estatal relátase a xornada de celebración do Aberri Eguna en Euskadi mentres que a habitual crónica da actualidade política catalá destaca as liortas entre Convergencia Democrática e o Partit dels Socialistes de Catalunya (PSC) e entre estes últimos e o Partido Socialista Unificat de Catalunya (PSUC). En canto á información de alcance internacional, achégase unha crónica sobre a xenealoxía das Brigate Rosse italianas con motivo do encarceramento de Renato Curcio, un dos seus iniciadores; e contextualízase a actualidade xeopolítica de Oriente Medio a través dun percorrido analítico pola cronoloxía da desobediencia das resolucións da ONU por parte de Israel. O espazo dedicado ao deporte componse dunha entrevista a Fernando Insua Amigo, pescador troiteiro, e da proposta de aliñación ideal dunha selección galega de fútbol, retomada logo dalgúns números sen se publicar. As pezas de contido cultural, por outra banda, conteñen unha presentación da historia do desenvolvemento da arqueoloxía en Galicia e do santuario de San Matías, en Lugo; e explican, na sección sobre a lingua galega, o significado dalgúns verbos de emprego cotiá na fala popular. Están tamén presentes as habituais columnas de crítica, neste caso de tipo literario, musical e escultórico, e a axenda. Respecto das pezas de opinión, cómpre destacar unha análise sobre a inconveniencia das plantación de piñeiros nos montes galegos na que se propón unha política de repoboamento forestal alternativa; a tribuna na que se replican os comentarios sobre a Confederación Nacional del Trabajo (CNT) contidos no artigo O anarquismo en Galicia publicado no número sete do semanario; o exame do sistema penitenciario desde o concepto de “preso social”; e, na contraportada, a denuncia da introdución de herbicidas en Galicia como exemplo sintomático da progresiva degradación á que se está a someter ao medio ambiente.