RESUMO

A Nosa Terra
n. 11 ( 24/ 3/ 1978)

A reportaxe central denuncia a desidia e caciquismo das autoridades do concello de Bóveda, especialmente polas deficientes condicións sanitarias e hixiénicas da escola, sinaladas como posibles causantes da peste de tifo e hepatite que sofre a rapazada da zona. Outra das informacións destacadas do número, á que se dedica o titular e a ilustración de portada, contextualiza o proxecto de instalación da empresa Alúmina-Aluminio na Mariña lucense con datos tanto das súas orixes como das condicións nas que se está a producir a súa construción. O artigo acompáñase, ademais, doutra peza na que se analiza o impacto socioeconómico e medioambiental da futura planta industrial sobre a comarca. No resto de novas centradas na actualidade galega atópase un breve repaso das posturas mantidas polos diferentes actores implicados no conflito laboral do estaleiro Ascón, aínda sen resolver; critícase a xestión do Goberno municipal de Fene e dáse conta do rexeitamento que xera entre a veciñanza; denúnciase a irresolución dos problemas de abastecemento de auga en varias parroquias de Marín; e preséntase a figura do albeite a través dunha pequena reportaxe. Amais, Pilar Vázquez Cuesta é a persoa entrevistada neste número. Xa na sección destinada ao resto do Estado, infórmase da folga da tripulación da frota pesqueira de arrastre en Cádiz; recóllense as reaccións dos medios de comunicación madrileños á celebración do Aberri Eguna; e na crónica política catalá destácase a creación da Unión de Centre de Catalunya. Por outra banda, nas páxinas focalizadas no ámbito internacional, dáse conta do desastre ecolóxico provocado polo afundimento do petroleiro Amoco Cadiz na Bretaña e préstase especial atención á axenda da política exterior norteamericana despois da xira do presidente Jimmy Carter por Venezuela, Brasil, Nixeria e Liberia. A sección de deportes está composta por unha única peza na que se reproduce a conversa mantida cun membro da traiñeira Virxe do Carme, de Tirán. En canto aos contidos relacionados coa cultura, preséntase a historia do camposanto da Igrexa de Santa Mariña, en Noia; ofrécese unha viaxe pola paisaxe, humana e xeográfica, do Courel; amósase o labor desenvolto pola Agrupación Cultural Galega Lóstrego, impulsada pola emigración en Madrid; e, na habitual sección reservada para o uso da lingua, analízanse algunhas das marcas de tempo propias do galego. Non fallan, tampouco, os espazos para as críticas culturais e a axenda. Finalmente, entre as temáticas ás que aluden as pezas de opinión están unha crítica ao proxecto ideolóxico da futura Constitución; a celebración das eleccións ás Cámaras Agrarias; as demandas do colectivo de persoas con diversidade funcional en Galicia; e, como materia da tribuna de contraportada, a infancia e os dereitos das nenos e nenos.