RESUMO

A Nosa Terra
n. 12 ( 31/ 3/ 1978)

O número ábrese coa nova da constitución da Xunta de Galicia, ilustrada cunha colaxe, a cinco columnas, dun escudo franquista e a fotografía dos membros do novo órgano baixo o titular “Galicia é outra cousa”. Xunto co rexeitamento ao sistema autonómico, considerado unha simple “fórmula de descentralización administrativa”, o semanario presta especial atención ao Gran Suarna, proxecto de construción dun embalse no río Navia. A reportaxe realiza un percorrido tanto polas orixes do plan como das reivindicacións da veciñanza, contraria á creación da infraestrutura. No resto de pezas focalizadas na actualidade do país analízase novamente o estado do conflito en Ascón logo de preto de cincuenta días de folga dos traballadores; examínase a pegada da reforma educativa na universidade galega; infórmase do preito arredor dun monte de man común en Fruíme, concello de Lousame; e dáse conta do impacto para Galicia das últimas medidas da Comunidade Económica Europea (CEE) en materia pesqueira. Amais, Xosé Luís Fontenla Méndez é a personaxe entrevistada. Por outra banda, as pezas s dedicadas ao resto do Estado ocúpanse do aumento da oposición á central nuclear de Lemóniz, en Euskadi; da crise interna do Partit Socialista Unificat de Catalunya (PSUC); e do atentado en Alxer contra Antonio Cubillo, dirixente do Movemento para a Autodeterminación do Arquipélago Canario (MPAIAC). Xa nas páxinas reservadas para os acontecementos do eido internacional achégase unha crónica desde Inglaterra na que se consideran as probabilidades do triunfo de Margaret Thatcher nas vindeiras eleccións xerais; refírese a xira dunha delegación da Internacional Socialista por América Latina; e analízase a estabilidade política no Mediterráneo ante a posibilidade de que os Estados Unidos levanten o embargo de venda de armas a Turquía. En canto á sección de deportes, está integrada por un artigo no que se denuncia o uso indebido das escopetas de aire comprimido e por outro no que se exemplifica o peso dos intereses publicitarios na concesión de determinados premios deportivos. Nos contidos de cultura preséntanse os Labirintos de Mogor, petróglifos situados no concello de Marín, e a historia do castelo e o sartego de Diego de Lemos, capitán nas Guerras Irmandiñas. Ademais, na sección dedicada á lingua galega resólvese unha dúbida formulada por un subscritor mentres que no espazo dedicado ás críticas se reproduce unha pequena entrevista con Amancio Prada. Finalmente, nos contidos de opinión atópanse pezas nas que se rememora o período da II República en Galicia; reflexiónase sobre o consumo de drogas; e expóñense os casos de denegación de prórroga no aluguer de vivendas. A contraportada contén unha tribuna que, dende unha perspectiva de xénero, subliña a importancia de analizar a opresión da muller galega atendendo ás condicións materiais e sociohistóricas.