RESUMO

A Nosa Terra
n. 13 ( 7/ 4/ 1978)

A denuncia “da destrución ecolóxica” da ría de Pontevedra e do risco de que se produza unha fuga de cloro dos depósitos de almacenamento das instalacións da Celulosa e Elnosa é materia da principal reportaxe do número. Igualmente, o estancamento do conflito de Ascón, despois de que racharan as negociacións e se convocara unha nova xornada de loita das centrais sindicais, recibe unha especial atención. No resto de pezas focalizadas no país destacan as informacións sobre o seguimento en Galicia da folga estatal de mestres; os enfrontamentos entre a veciñanza de San Mamede, en Carnota, como consecuencia da instalación duns viveiros de mariscos na praia de Caldebarcos; a ocupación de varios pisos baleiros por familias viguesas como resultado do elevado custo das vivendas; e o proxecto dun grupo de investigación universitario para revivir a ruta de navegación que, segundo a lenda, realizou Ith –o fillo de Breogán– desde as costas galegas até Irlanda. En canto á actualidade estatal, dáse conta das posturas dos diferentes partidos perante o anteproxecto de Constitución, listo para ser debatido pola Comisión de Asuntos Constitucionais do Congreso; refírense os acordos alcanzados entre Josep Tarradellas e Alfonso Suárez e os asuntos tratados no Congreso de Converxencia Democrática de Catalunya; e infórmase do “relanzamento da ofensiva da campaña militar de ETA” coincidindo co acordo entre as forzas que compoñen o Consello Xeral de Euskadi. Ademais, a personaxe entrevistada é Genoveva Forest i Tarrat, máis coñecida como Eva Forest. As páxinas de internacional, por outra banda, están integradas por unha crónica do panorama político portugués no contexto do cuarto aniversario da Revolución dos Caraveis e unha análise das manobras do Goberno de Augusto Pinochet en Chile. A sección deportiva presenta unha conversa con Manuel Costas Bermúez “Lito” centrada no fútbol infantil galego. En canto aos contidos de cultura, danse a coñecer as aras presentes no monte do Facho de Donón, concello de Cangas, e o episodio revolucionario protagonizado polos coñecidos como Mártires de Carral. Ademais, no espazo dedicado á lingua preséntanse algunhas expresións paradigmáticas do idioma como reflexo da idiosincrasia galega e, coma sempre, destínase espazo para a crítica –neste caso, cinematográfica, musical e televisiva–. Entre os contidos de opinión destacan a análise do impacto da política de repoboación forestal na figura dos montes en man común; o exame da desaparición da pesca tradicional galega como consecuencia do proceso de transformación estrutural experimentado polo sector; e unha exposición das normas e relacións xurídicas propias de Galicia. A contraportada, finalmente, ofrece un percorrido histórico polo levantamento contra o presidente Ramón María Narváez que tivo lugar en 1846 en varias vilas galegas.