RESUMO

A Nosa Terra
n. 14 ( 14/ 4/ 1978)

En portada, con continuidade nas páxinas centrais, destácase unha reportaxe sobre o conflito na comercialización do viño do Ribeiro, a entrevista ao militante da AN-PG Xosé Agrelo Hermo e novas sobre o nacionalismo catalán, o movemento independentista das illas Azores e unha manifestación contra a precariedade laboral da mocidade galega. Nas páxinas dedicadas a Galicia, ademais dun artigo que estuda a situación sanitaria no país, abórdanse os conflitos laborais no sector naval, as eleccións ás Cámaras Agrarias e os estragos ecolóxicos dos areeiros do Baixo Miño. Varias notas breves ocúpanse de temas educativos e abundan os contidos críticos co nacionalismo español e o caciquismo en forma de pequenos textos de opinión e de ilustracións. Entre as pezas sobre o resto do Estado, ademais da introducida en portada sobre o nacionalismo catalán, atopamos artigos dedicados ao independentismo vasco e á crise interna da UCD protagonizada por Francisco Fernández Ordóñez e Landelino Lavilla. As de corte internacional, xunto co independentismo das Azores, tratan a retirada de EE. UU. da zona da canle de Panamá tralo acordo asinado entre Torrijos e Carter en setembro de 1977 e os novos presupostos do ministro de Facenda británico. En opinión destacan unha análise da reforma fiscal española, unha peza sobre a orixe da celebración do Primeiro de Maio e unha tribuna sobre as posibilidades de rescisión dos contratos de arrendamento. As informacións sobre deportes recollen un partido entre o Celta e o Deportivo da Coruña, a aliñación ideal dunha hipotética selección galega e unha reflexión sobre a rendibilidade das aves para o ser humano. Nas páxinas de cultura, xunto coa habitual axenda, hai artigos sobre San Andrés de Teixido e a celebración do Maio en Laza, ademais da serie de contidos lingüísticos titulada “O idioma”. Tamén hai unha dura crítica ao mercado da arte e dáse conta de concertos, gravacións e outros logros da música galega. Por último, con motivo da celebración do Primeiro de Maio, a contraportada é un editorial sobre os traballadores dos distintos sectores produtivos galegos.