RESUMO

A Nosa Terra
n. 15 ( 21/ 4/ 1978)

As dúas reportaxes deste número, con avances en portada, versan sobre o Primeiro de Maio en Galicia e as eleccións ás Cámaras Agrarias. Nos demais artigos centrados na actualidade galega destácanse as protestas dos mariñeiros polo recentemente creado club náutico de Bueu; os prexuízos da explotación da mina de lignito das Pontes e das centrais termoeléctricas da zona; a especulación con montes comunais do Grove e Fruíme; a loita das persoas con diversidade funcional en prol dos seus dereitos; as reclamacións veciñais para a mellora do tráfico en Poio, e a contaminación da Empresa Nacional de Celulosas e Elnosa na ría de Pontevedra. As páxinas sobre o resto do Estado tratan a represión durante as manifestacións do Primeiro de Maio en Euskadi, a crise que experimenta a UCD e o acordo entre o xefe do Executivo, Adolfo Suárez, e Josep Tarradellas, presidente da Generalitat, para incrementar o autogoberno catalán e aprobar o Partit dels Socialistes de Catalunya. Nas novas sobre o resto do mundo recóllese o pacto entre a URSS e os EE. UU. para reducir arsenal nuclear e a subida ao poder dun réxime de esquerdas despois dun golpe de estado en Afganistán. O protagonista da principal entrevista do número é o intelectual Alfonso Sastre. Nos contidos de opinión contraponse a “ambigüidade” dalgunhas formacións políticas fronte á “claridade” do Movemento Nacional-Popular Galego durante o Primeiro de Maio; critícase a presenza de forzas caciquís nas eleccións ás Cámaras Agrarias; pídese a dimisión do presidente da Xunta, Antonio Rosón Pérez, e unha tribuna analiza a recente reforma da regularización dos anticonceptivos e dos dereitos dos detidos no Estado español. Nas páxinas de deportes atópase unha entrevista ao atleta galego Estanislao Durán Calvo xunto coa habitual aliñación ideal para unha selección galega. En cultura, ademais de dous artigos sobre as representacións de gaiteiros na arte galega e o xardín do Pazo de Sistallo, hai unha denuncia do estado ruinoso do Mosteiro de Melón. Tamén unha crítica ao filme Padre Padrone dos irmáns Taviani, unha pequena entrevista ao músico Carlos Villanueva e os habituais espazos dedicados á axenda cultural e ao uso da lingua galega. En contraportada, partindo dunha nova recente, analízase o polémico tema da clonación humana