RESUMO

A Nosa Terra
n. 16 ( 28/ 4/ 1978)

Tal e como se reflicte en portada, onde se avanza un editorial e outros textos en defensa dos medios de comunicación galegos, o número 16 inclúe un especial polo Día das Letras Galegas. Así, nas páxinas dedicadas a conmemoralo atópase un artigo sobre o sentido da celebración dende 1975 para diversas institucións e forzas políticas, e tamén pezas de opinión sobre a cooficialidade de galego e castelán, a figura literaria de Antonio López Ferreiro e a arte galega. Ademais abórdase a situación do libro galego, tradúcese o conto A revolución das letras, do escritor portugués Manuel António Pina, e Domingo García-Sabell protagoniza a entrevista. Entre os demais contidos do eido galego destaca unha reportaxe sobre as protestas da veciñanza das Encrobas contra Fenosa polos prexuízos da explotación das minas do val por parte da empresa filial Lignitos de Meirama. Pero tamén artigos arredor do boicot a un acto informativo da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) sobre a contaminación producida polas industrias Elnosa e Celulosa en Pontevedra, dos problemas de tráfico en Lugo e das folgas de taxistas e de traballadores de Prefabricados Galaicos Bein. Da actualidade do Estado inclúense novas sobre mobilizacións carlistas e “proamnistía” en Euskadi e mais sobre o debate do anteproxecto da Constitución no Parlamento español, mentres que a páxina internacional abrangue información da viaxe do presidente da URSS, Leonid Brezhnev, á República Federal de Alemaña e das conversas entre o primeiro ministro israelí, Menachem Begin, e o presidente estadounidense Jimmy Carter. Os textos de opinión tratan a reforma fiscal española, a Lei de Acción Sindical e, en doses máis pequenas e incluso con ilustracións satíricas, temas como a situación sociolingüística do galego, a celebración do Día das Letras Galegas e a posición respecto ao idioma e á cultura galega de figuras vencelladas ao nacionalismo español. A única peza de temática deportiva versa sobre a pesca fluvial. En cultura, pola contra, podemos encadrar artigos sobre os acibecheiros composteláns e o Castelo de Pambre, ademais da achega lingüística habitual dentro da serie “O idioma”, unha crítica musical a un disco con obras do compositor Agustín González Acilu, a axenda cultural e varios poemas enviados polos lectores. En contraportada, xa para rematar, faise un percorrido pola historia da prensa galega.
[Obs. A versión escaneada ten as páxinas desordenadas]