RESUMO

A Nosa Terra
n. 17 ( 5/ 5/ 1978)

Na portada deste número destaca especialmente unha reportaxe sobre as mulleres traballadoras, mentres que outras dúas, tamén con avances en portada, tratan o tema dos ferreiros de Riotorto e a conflitividade laboral na empresa Alúmina-Aluminio de San Cibrao, Lugo. Entre os artigos centrados en Galicia hai un sobre a situación das cadeas galegas, unha entrevista cos traballadores en folga do estaleiro vigués Ascón e información sobre un fraude sanitario nunha farmacia de Lalín. Nas páxinas dedicadas ao Estado hai pezas sobre a banda terrorista ETA e tamén sobre a elaboración por parte dunha comisión de senadores dun informe arredor das condicións dos presos nos cárceres españois. Da actualidade internacional trátase un novo episodio violento no marco do prolongado conflito diplomático entre China e a URSS, a denuncia por parte de Amnistía Internacional de torturas e asasinatos cometidos en Uruguay entre 1975 e 1977, e a situación política de Italia dende a proclamación da República hai trinta anos. A entrevista máis importante do número dedícaselle ao arquitecto Xosé Bar Boo. Entre as pezas de opinión atópase unha denuncia da falta de beneficio económico para a veciñanza da mina de lignito de Meirama, unha tribuna sobre os criterios de normativización da lingua galega e unha análise do proxecto de reforma para a legalización do divorcio no Estado, aínda que tamén abundan contidos breves críticos co nacionalismo español. O principal contido deportivo é unha entrevista co presidente do Real Club Celta, que se avanza en portada, e a ela segue outra máis reducida ao futbolista do C. D. Arenteiro Francisco Chao Nóvoa. En cultura inclúense artigos sobre as Torres do Oeste de Catoira e as terras da Pastoriza e o habitual espazo para o idioma. Tamén críticas a obras recentemente estreadas polo compositor galego Enrique X. Macías Alonso e a un libro sobre a historia dos procesos electorais en Galicia, ademais da correspondente axenda cultural e dun breve texto de creación literaria. Xa para rematar, a contraportada aborda as posibilidades da crianza da ostra nas rías galegas.