RESUMO

A Nosa Terra
n. 18 ( 12/ 5/ 1978)

O número 18 resalta en portada unha reportaxe sobre as nacións europeas sen estado. Entre os contidos centrados en Galicia, tamén cun avance na primeira páxina, atópase un artigo sobre as recentes eleccións ás Cámaras Agrarias que fai fincapé en varias irregularidades. Xuntamente con isto nesta sección hai unha táboa cos resultados electorais e novas sobre a designación de cargos ideoloxicamente afíns ao Delegado do Ministerio, Manuel Pérez Barreiro, na Delegación Provincial de Educación y Ciencia de Ourense; sobre a dimisión da secretaria xeral da UPG, Elvira Souto; e sobre as diversas celebracións polo Día das Letras Galegas. Da actualidade do resto do Estado abórdanse os debates parlamentarios para a aprobación do anteproxecto da Constitución española, os enfrontamentos entre Guerrilleiros de Cristo Rei e a esquerda “abertzale” tras un mitin de Blas Piñar en Euskadi, e o boicot ás eleccións ás Cámaras Agrarias en Cataluña por parte do sindicato Unió de Pagesos, que se destaca en portada. Entre os contidos internacionais hai artigos sobre unha vertedura petrolífera na Bretaña e a derrota ante forzas belgas e francesas dun novo levantamento do Frente de Liberación Nacional do Congo, ambos con avances en portada. Tamén sobre a carreira polo desenvolvemento de armas das potencias mundiais. A entrevista principal fáiselle ao artista Isaac Díaz Pardo. Os textos de opinión, pola súa banda, tratan os problemas do mantemento e xestión do patrimonio eclesiástico, da reforma universitaria e do dereito penal no Estado español, mentres que as habituais pezas breves e ilustracións satíricas arredor do caciquismo e do nacionalismo español neste número están especialmente centradas nos resultados das eleccións ás Cámaras Agrarias e na composición de institucións políticas galegas. En deportes atópase unha entrevista ao remeiro Álvaro Sanxurxo, unha crítica ao custo económico dos próximos mundiais de fútbol e a aliñación ideal dunha hipotética selección galega. Nas páxinas de cultura, ademais da habitual axenda, hai artigos sobre o culto ás penedas e sobre a romaría dos Milagres de Saavedra, recomendacións para o uso correcto dos acentos dentro da serie de contidos lingüísticos “o idioma” e críticas á programación da TVG e RTVE, a obras do compositor galego Enrique Macías e a un libro sobre a psiquiatría en Galicia de Xosé García e Emilio González. A contraportada ocúpase cun artigo de opinión sobre as condicións ideais dun proceso de industrialización en Galicia.