RESUMO

A Nosa Terra
n. 19 ( 19/ 5/ 1978)

A reportaxe principal deste número aborda os problemas de regadío no Val de Lemos. Xunto con isto, en portada destácanse varias novas de ámbito galego como son un motín no cárcere da Coruña, o inicio das negociacións para o primeiro convenio do sector do vidro e a cerámica en Galicia e a folga e reivindicacións laborais dos traballadores da empresa Corfi. En páxinas interiores tamén hai artigos sobre unha protesta dos empregados da banca en Galicia, a legalización de Partido Obreiro Galego, os prexuízos para os mariñeiros da presenza dun lugar para despezar barcos no porto de Barallobre, as irregularidades das eleccións ás Cámaras Agrarias, a celebración do Día das Letras Galegas fóra de Galicia e a loita da veciñanza de Neda polas molestias derivadas da canteira da Mourela. Nas páxinas dedicadas ao Estado recóllese o primeiro congreso do LAB, sindicato da esquerda “abertzale”, un encontro de comunistas en Barcelona con ocasión do mitin organizado polo PSUC (Partido Socialista Unificado de Cataluña), a aprobación parlamentaria de 25 novos artigos da Constitución tras un acordo da UCD e do PSOE e unha carta de Iñaki Anasagasti matizando unha información sobre a actuación do PNV na celebración do Primeiro de Maio en Euskadi publicada no número 15 de A Nosa Terra. Entre os contidos internacionais hai pezas sobre o conflito entre os pescadores da portorriqueña illa de Vieques e a frota dos EE. UU., o xenocidio perpetrado polos ingleses en Australia nos anos en que foi colonia e a influencia do problema da autodeterminación do Sáhara nas deterioradas relacións entre España e Alxeria. Entre os textos de opinión analízase o proxecto de Lei de Acción Sindical na Empresa que está debatendo o Parlamento español, coméntase a Lei de Protección do Medio Ambiente de 1972 e dedícase unha tribuna á degradación ambiental da Ría de Pontevedra, ao que hai que engadir os habituais comentarios breves e ilustracións satíricas sobre o caciquismo e o nacionalismo español, neste caso centrados nos prexuízos da industrialización de Galicia e na apropiación da figura de Castelao por diferentes sectores ideolóxicos. Esta volta a entrevista principal ten por convidado a Antonio Fraguas Fraguas. Os contidos deportivos son un artigo sobre os factores que repercuten negativamente na pesca nos ríos galegos e outro sobre a temporada futbolística en Galicia. Na páxinas de cultura, por outra banda, hai textos sobre hórreos, cabazos, canastros e piornos e sobre o escritor viveirense Fernando Pérez Barreiro, así como as habituais recomendacións lingüísticas para falar correctamente en galego, unha axenda cultural, unha pequena peza de creación literaria e dúas críticas respectivamente sobre música do compositor galego Enrique Macías e sobre o filme Julia. En contraportada, con motivo da celebración do Día Mundial do Medio Ambiente que se destaca na primeira páxina, un artigo expón os problema medioambientais que poden danar o territorio galego.