RESUMO

A Nosa Terra
n. 20 ( 26/ 5/ 1978)

As dúas reportaxes deste número, con avances en portada, dedícanse á situación dos presos galegos e á explotación mineira da aldea lucense de Rubiales. Entre os demais contidos centrados en Galicia hai artigos sobre os problemas do ferrocarril Ferrol-Xixón, sobre a ocupación dun monte comunal no Grove, e sobre conflitos laborais na empresa de embutidos Vazey, en Chantada, e no estaleiro Astano. Da actualidade estatal trátase a escisión do partido da esquerda “abertzale” HASI, a fuxida de corenta e cinco presos do cárcere Modelo de Barcelona e a estratexia da UCD para gañar as próximas eleccións. As novas de corte internacional abordan a actitude da OTAN ante a situación política en África e as dificultades das democracias latinoamericanas. As pezas de opinión abordan temas como a Seguridade Social, a construción de autopistas en Galicia, a creación dun casino na Toxa e a lexislación española sobre o delito de estupro. A isto engádense os habituais pequenos textos e ilustracións satíricas sobre o nacionalismo español, neste caso con varias críticas ao sistema autonómico e ás consecuencias para o ensino público da liberdade de ensino amparada pola Constitución española. A entrevista principal, destacada na primeira páxina, protagonízaa o humorista galego Carlos “O Xestal”. As pezas de deportes están formadas por una entrevista a Xesús María Alcorta, adestrador dun equipo de balonmán vasco de visita en Galicia, e por un artigo sobre os mamíferos carnívoros autóctonos. Nas páxinas de cultura, por outra banda, hai contidos sobre a decoración escultórica da Porta Santa da Catedral de Santiago, sobre a bisbarra de Castro Caldelas e sobre a lingua galega, ademais dunha axenda cultural e dúas críticas respectivamente do libro Problemática nacional e colonialismo. O caso galego, de Francisco Rodríguez e Ramón L. Suevos, e dun disco do grupo galego A Roda. Inclúese tamén unha receita de filloas de sangue e, xa en contraportada, unha análise da situación das industrias culturais galegas.