RESUMO

A Nosa Terra
n. 21 ( 2/ 6/ 1978)

Na portada deste número destácase unha reportaxe sobre o alcoholismo en Galicia, un tema ao que tamén se achegan varias pezas en páxinas interiores. Entre os contidos de ámbito galego atópase un artigo sobre as protestas polos prexuízos das autopistas proxectadas en Galicia, a reconstrución do secuestro dun médico psiquiatra en Ourense, a denuncia dos problemas da Facultade de Filosofía e Ciencias da Educación da Universidade de Santiago, a loita pola legalización da organización estudantil ERGA, a denegación do permiso para implantar unha liña de autobuses a unha empresa de transportes por parte do Concello do Cebreiro e un artigo sobre o oficio tradicional de destilador. Do resto do Estado chegan novas sobre a represión policial nas homenaxes en Euskadi ao falecido membro de ETA Etxevarrieta, da fraude fiscal duns empresarios en Barcelona e dos acordos secretos entre a UCD e o PSOE sobre a Constitución. As pezas internacionais tratan a expulsión de comerciantes chineses do Vietnam no marco das tensión entre China, Vietnam e Camboxa e o xenocidio armenio como consecuencia da dominación turca. A entrevista, cun avance en portada, dedícaselle a un membro do Frente de Liberación Homosexual Galego. Nos textos de opinión analízase o proxectado Plan Director Territorial de Galicia, o alcoholismo na cultura occidental, e o consumo de drogas en Galicia. Ademais tamén hai pezas breves e ilustracións satíricas sobre o nacionalismo español, o sistema penal e os problemas da industria galega. A páxina de deportes dedícase enteiramente a unha análise crítica das circunstancias que rodean os mundiais de fútbol, mentres que en cultura hai pezas sobre a arte castrexa do Museo Arqueolóxico de Guimarães e sobre un coñecido home da Terra Chá, o “Lobo de Pino”; as habituais recomendacións lingüísticas da serie “O idioma”; unha crítica ao disco de flamenco Andalucía: 40 años, e unha axenda cultural. A contraportada, tamén nesta liña, fala da Mostra de Teatro Galego de Ribadavia.