RESUMO

A Nosa Terra
n. 22 ( 9/ 6/ 1978)

Neste número, con avances en portada, destacan dúas reportaxes sobre as romarías de santos milagreiros e os problemas da investigación universitaria en Galicia. Outros contidos de ámbito galego tratan o conflito entre a veciñanza e un particular pola propiedade dunha escola en Castriz, a explotación privada de dúas praias comunais en Arteixo, unha suba nas tarifas do transporte urbano en Vigo, a solicitude da veciñanza compostelá de ter coñecemento dos presupostos da cidade e as protestas da asociación estudantil ERGA sobre varias irregularidades na carreira de Medicina da Universidade de Santiago. Tamén hai notas breves sobre a necesidade dun servizo de bombeiros en Monforte, unha manifestación contra as violacións promovida pola Asociación Galega da Muller e as reclamacións dos traballadores dunha fábrica de confección en Vilalba. No espazo dedicado ao Estado infórmase do asalto ao Goberno Militar de San Sebastián por parte de membros da rama político-militar de ETA, do escándalo financeiro dunha entidade bancaria en Barcelona e do rexeitamento en votación parlamentaria da inclusión do dereito á autodeterminación na Constitución. Do eido internacional recóllese a situación política de Italia trala dimisión do seu presidente, Giovanni Leone, unhas semanas despois do asasinato de Aldo Moro, así como a nova situación de España no contexto internacional co fin do réxime franquista. A entrevista dá voz a Elena Veiguela, profesora numeraria da Universidade Laboral da Coruña e representante da UTEG-ING. Entre os contidos de opinión atópase un texto sobre a evolución do galeguismo, unha crítica ás tendencias “lusistas” de certos sectores do nacionalismo galego e unha análise do sistema autonómico incluído na Constitución. Tamén os habituais textos e ilustracións satíricas arredor de diferentes aspectos do nacionalismo español e outros temas como o caciquismo e a situación política en Galicia. As pezas deportivas abordan respectivamente a xestión española da súa selección nos Mundiais de fútbol e unha competición da Federación Gallega Norte de Remo en Redes. En cultura, por outra banda, os artigos versan sobre as galerías, corredores e solainas típicos da arquitectura galega; as tradicións de San Xoán; danzas folclóricas vinculadas a Santiago en Puerto Rico, e o seseo e a gheada, aos que se dedican as habituais recomendacións lingüísticas. Ademais, xunto coa correspondente axenda, hai críticas ao libro As institucións da loucura en Galicia, de Xosé García e Emilio González, e ao filme Las Truchas, de Xosé Luis García. O contido da contraportada, por último, versa sobre a celebración de San Xoán en Outeiro de Rei.