RESUMO

A Nosa Terra
n. 23 ( 16/ 6/ 1978)

Na portada deste número destácase especialmente unha reportaxe sobre a situación política en África. Ademais entre os contidos internacionais trátanse as relacións de España cos territorios da África occidental, torturas policiais en Irlanda do Norte e unha asemblea xeral da Organización de Estados Americanos (OEA). Nas páxinas dedicadas a Galicia inclúese unha reportaxe sobre a xornada de folga a prol dos dereitos laborais convocada pola Intersindical Nacional Galega (ING) e artigos sobre a campaña da Asemblea Nacional-Popular Galega (AN-PG) pola revitalización da feira de Redondela, a celebración da rapa das bestas no Monte de Carracedo, entre A Pastoriza e Mondoñedo, e a distribución do libro galego. Varias notas breves tamén abordan despidos no estaleiro Bazán, as II Xornadas do Ensino de Galicia e o Día Internacional da Liberación Homosexual. Da actualidade estatal recóllese a tensa situación en Euskadi, con mortes causadas por ETA e pola policía, e as diferentes posturas das forzas políticas estatais ante o texto da Constitución facendo fincapé nas contradicións dalgúns partidos nacionalistas cataláns. En opinión analízanse a estratexia dos partidos comunistas europeos, coñecida como Eurocomunismo, e as dificultades para aplicala en Galicia; a calidade da TVG, e a regulación relativa aos accidentes de traballo no Estado español. Tamén hai textos breves e ilustracións satíricas sobre o nacionalismo español, o abuso de recursos galegos e españois por parte de forzas estranxeiras ou as críticas do cardeal Tarancón ao divorcio. Pola súa banda a entrevista ten como protagonista ao presidente da Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO) Norman Watzinger. A única peza de contido deportivo versa sobre a final dos Mundiais de fútbol de 1978. En cultura hai artigos sobre Santa Eulalia de Bóveda e a romaría de Santa Isabel de Outeiro de Rei, recomendacións lingüísticas, unha receita, a habitual axenda e dúas novas sobre a polémica nuns premios da crítica ao mellor disco galego e sobre a falta de recoñecemento por parte do Ministerio de Educación dos méritos do musicólogo Xosé López Calo, director do Departamento de Historia da Música da Universidade de Santiago. Por último, na contraportada explícanse a historia e regras do tarot.