RESUMO

A Nosa Terra
n. 24 ( 23/ 6/ 1978)

Neste número, destacada en portada, hai unha ampla reportaxe sobre o mar e a costa galega. Así mesmo, nas páxinas dedicadas a Galicia inclúense as novas da celebración en Vigo dunha “Festa Popular do Estatuto” convocada pola UCD, PCG e PPG e dun mitin sindical para os traballadores de Citroën organizado polas seccións correspondentes dos sindicatos CC.OO., UGT, USO, CSUT e ING. Tamén hai pezas sobre a elaboración dun informe para denunciar os problemas da bisbarra de Lieiro e San Cibrao por parte de asociacións veciñais, o abandono a medio construír dun centro para persoas con diversidade funcional en Centulle, preto de Chantada, os campaneiros de Arcos da Condesa e o incidente sufrido por un membro do sindicato Comisións Labregas mentres informaba a uns labregos. A nivel do Estado español abórdase o conflito de ETA a raíz dunha visita a Euskadi do ministro de interior Rodolfo Martín Villa e o inicio das negociacións para a redacción do Estatuto de Cataluña. A páxina internacional, pola súa banda, dedícase ao nacionalismo do Quebec. A entrevista ten como protagonista ao dramaturgo, actor e director teatral Roberto Vidal Bolaño. Os textos de opinión céntranse na importancia da edafoloxía para a ordenación territorial en Galicia; no lusismo lingüístico, cultural e político abrazado por certos sectores do galeguismo, e na prestación por desemprego da Seguridade Social. Ademais ilustracións satíricas e comentarios breves dirixen críticas a temas coma a homofobia nos medios, o imperialismo francés, as carencias do sistema universitario galego, o nacionalismo español ou o traballo dos sindicatos. O espazo deportivo confórmao unha entrevista co adestrador do equipo de balonmán Alondras de Cangas. Nas páxinas de cultura abórdanse as arquitecturas xurdidas arredir das feiras, a realidade dos emigrantes galegos en Xenebra e as habituais cuestións lingüísticas da serie “O idioma”. Tamén a nova da tradución ao galego dun libro do poeta cubano Nicolás Guillén xunto cunha das súas poesías, unha receita e a correspondente axenda cultural, mentres que o artigo da contraportada versa sobre a vida e a obra do violinista e compositor galego Andrés Gaos.