RESUMO

A Nosa Terra
n. 25 ( 29/ 6/ 1978)

O número 25 destaca especialmente en portada a morte de dous traballadores de Elnosa-Celulosa en Pontevedra. Ademais, tamén con avances na primeira páxina, dúas reportaxes tratan unha protesta polo desemprego en Ferrolterra convocada por forzas políticas vencelladas ao goberno do Estado e da Xunta e as malas condicións laborais na mina da Penouta, aberta nun monte comunal preto de Viana do Bolo. Así mesmo, nas demais páxinas dedicadas a Galicia hai pezas sobre as propiedades curativas das augas dos balnearios, a petición de liberdade de cinco veciños da Balea presos por “defender” un monte comunal, despedimentos na fábrica de embutidos Vazey de Chantada e o traballo do acibeche en Santiago. No espazo dedicado ao Estado español recóllese a morte e feridos provocados polas forzas policiais nos San Fermíns e as discrepancias no seo do nacionalismo catalán. Da actualidade internacional trátase o resultado das últimas eleccións na República Dominicana e o interese de EE. UU. por solucionar os conflitos entre Exipto e Israel. A entrevista ten por convidado ao activista antinuclear Pedro Costa Morata. Os contidos de opinión versan sobre as barreiras arquitectónicas coas que se atopan moitas persoas con mobilidade reducida, sobre a polémica entre Lenin e Rosa Luxemburg polo dereito á autodeterminación dos pobos e sobre a lexislación contra o maltrato no ámbito familiar. A isto engádense os habituais textos breves e ilustracións satíricas, que neste caso se centran no control sanitario e sexual de animais en Galicia e no estranxeiro, nun incidente no parlamento británico, na actuación dunha cómica explotando estereotipos galegos na televisión, na manipulación da opinión pública por parte do nacionalismo español e na contaminación e accidentes laborais na empresa Celulosa-Elnosa de Pontevedra. As pezas de temática deportiva abordan o torneo coruñés de fútbol “Teresa Herrera” e os problemas da pesca recreativa. As páxinas de cultura inclúen artigos sobre o progresivo desuso das fontes públicas e sobre as terras de Viana do Bolo, recomendacións lingüísticas e a correspondente axenda. Ademais fanse eco da aparición dun libro de banda deseñada de Xaquín Marín e do esmorecemento da tempada de ópera na Coruña. Por último, a contraportada repasa a traxectoria de Cruz Gallástegui Unamuno.