RESUMO

A Nosa Terra
n. 26 ( 7/ 7/ 1978)

No número 26 a portada está enteiramente dedicada a unha ilustración e unha declaración da liña editorial do xornal e do enfoque conmemorativo dado a este número, especial polo Día de Galicia. Na parte con contidos especiais, que comezan cunha ilustración de Castelao a toda páxina, hai artigos de opinión arredor do presente e o futuro do agro, o mar e a industria galega, así como sobre o ensino e as vías de comunicación en Galicia. Tamén unha reportaxe sobre as celebracións do nacionalismo galego con motivo do 25 de xullo ao longo de varios anos e unha entrevista ao político vasco Telesforo Monzón. Ademais reprodúcese o discurso galeguista Alba de Groria de Castelao e inclúense reflexións sobre a bandeira e a soberanía de Galicia maila súa posible independencia. Do resto do Estado trátase a tensa situación en Euskadi, onde os erros das forzas policiais na súa loita contra ETA xa deron lugar a varias mortes. Por outra banda, do mundo abórdase a represión británica no Úlster e as reclamacións de independencia doutros pobos europeos. Tamén hai os habituais textos breves e ilustracións satíricas, neste caso sobre o apoio de certas institucións ao proxecto autonómico, sobre as declaracións de Blas Piñar respecto a unha actuación policial en Rentería, sobre o uso político do Día de Galicia en favor dos intereses do nacionalismo español, sobre a aprobación da UPG e a elección do seu secretario xeral e sobre a actuación de sindicatos estatais na crise do naval. Na páxina de deportes fáiselle unha entrevista ao atleta galego Carlos Pérez Alonso, mentres que nas de cultura hai pezas sobre Santiago Matamouros, as celebracións galeguistas do 25 de xullo e o nacionalismo musical, así como as habituais recomendacións lingüísticas, a correspondente axenda cultural, e unha crítica ao libro Farsa e Andrómena do Antroido de Camilo Valdeorras. Por último, a contraportada reproduce a portada do 25 de xullo de 1920 de A Nosa Terra.