RESUMO

A Nosa Terra
n. 53 ( 9/ 3/ 1979)

A Nosa Terra ofrece neste número un especial centrado nas eleccións xerais celebradas o 1 de marzo de 1979. As páxinas de apertura recollen, baixo o título "Así ´ganaron´", unha compilación dalgunhas das prácticas fraudulentas da UCD durante a xornada electoral; mentres que nas centrais a análise dos resultados provinciais acompáñase cun mapa que representa a distribución de partidos en cada concello. Inclúense, así mesmo, un exame comparativo dos resultados dos distintos partidos, especialmente dos nacionalistas, respecto da cita electoral de 1977; e unha entrevista a Bautista Álvarez, na que o presidente da Unión do Povo Galego (UPG) valora os resultados do Bloque Nacional Popular Galego (BN-PG).