RESUMO

A Nosa Terra
n. 60 ( 4/ 5/ 1979)

A reportaxe central do número recolle a acusación de produtores vinícolas do Ribeiro ao Consello Regulador de vender baixo a etiqueta da denominación de orixe viño que non se produciu na zona. Como parte do contexto, a peza recupera a historia da veciñanza da comarca que en 1912 se rebelou ante a introdución clandestina de viño desde Castela para facelo pasar por colleita do país. Outros contidos relevantes, adiantados en portada xunto a anterior peza, son a compilación das principais mobilizacións sindicais do Primeiro de Maio en Galicia; a crónica da celebración do I Congreso de Comisións Labregas (CC.LL); unha entrevista a Benxamín Casal, conselleiro de Enerxía, Industria e Comercio da Xunta de Galicia; e un retrato do acto organizado en A Coruña para reclamar a capitalidade galega fronte á elección de Santiago.
[Obs. Páxinas mal escaneadas: 8, 10, 11]