RESUMO

A Nosa Terra
n. 93 ( 8/ 2/ 1980)

Un percorrido pola historia dos primeiros ferrocarrís galegos é o tema que ocupa as páxinas centrais deste número. As outras pezas destacadas nos titulares da primeira plana son unha pequena reportaxe sobre as condicións laborais dos repartidores de Donuts e unha análise da situación política de Guatemala despois de que forzas policiais asaltaran e queimaran a Embaixada de España causando a morte de 37 persoas. Ademais, o semanario complementa as seccións habituais do número cun especial de catro páxinas sobre Lalín, que inclúe entre os seus contidos unha pequena entrevista a Xosé Cuíña, alcalde da localidade; un perfil de Daniel Varela Buxán, pregoeiro da Feira do Cocido daquel ano; e pezas centradas nas biografías de persoeiros nados no concello, como Ramón María Aller, Joaquín Loriga ou Laxeiro.