RESUMO

S'homos
Ano 1991, n. 3 ( 3/ 1992)

O editorial explica o cambio de nome no colectivo que edita a revista: a denominación “homosexual” trócase por “gai”, un termo non medicalizado e máis acaído aos obxectivos da organización. Na sección “Novas Rosas” critícase a posición da igrexa católica fronte á homosexualidade e a sida, o boicot de gais e lesbianas á cerimonia dos Oscar, a implicación do concello de Bolonia e de organizacións como CCOO ou Amnistía Internacional na loita pola consecución de dereitos de gais e lesbianas, así como a homofobia existente no exército americano e na COPE. A sección “Opinión” e as colaboracións tratan sobre o sexto congreso de Esperanto, o museo de homosexuais en Berlín, os argumentos bioloxicistas sobre a homosexualidade, o continuo hetero-homosexual e a falta de liberdade nos estados democráticos. Na sección “Tertulias” abórdanse as relacións entre o gueto e o “ambiente”, recóllese un fragmento do cómic Omaha e na contraportada as direccións da COFLHEE.