RESUMO

S'homos
Ano 1991, n. 4 ( 6/ 1992)

A portada, o editorial e as páxinas centrais ocúpanse da celebración e memoria do 28 de xuño. Un artigo recolle as orixes do triángulo rosa invertido nos campos de concentración nazis. A sección “Tertulias” xira arredor da homosexualidade e o exército. Ademais das habituais direccións da COFLHEE na contraportada, infórmase en páxinas interiores das actividades desta coordinadora. A sección “Colaboración” recolle a nova de que o Rexistro Civil de Molina de Segura permitiu un cambio de nome a unha transexual. En “Novas Rosas” dáse conta de casos de homofobia en Belgrado, Arxentina, Estados Unidos, Istambul e nos usos lingüísticos. Trátase tamén a obxección de conciencia e a creación da Coordinadora Gai-Lesbian da Coruña, un encontro de gais e lesbianas en Portugal, a aprobación no Parlament de Catalunya dunha proposición non de lei contra a discriminación por razón de opción sexual, a desclasificación da homosexualidade como enfermidade por parte da OMS e a súa consideración como preferencia sexual equiparable á heterosexualidade e á bisexualidade.