RESUMO

Festa da palabra silenciada
n. 18 ( 2003)

A partir deste número a revista organízase en dúas seccións: o habitual monográfico e mais actualidade, que inclúe artigos, recensións críticas e o repertorio bibliográfico “Escrito por mulleres”. O monográfico presenta a obra gañadora do Premio de investigación Festa da Palabra 2003 promovido pola FIGA e o Concello de Vigo; unha contribución ao estudo das obreiras na industria auxiliar da conserva titulada As mulleres de La Artística de Luisa Muñoz Abeledo. Na sección de actualidade inclúe, entre outras, a intervención no Senado español sobre a prostitución da presidenta de Alecrín Ana Míguez, artigos sobre a evolución do calzado feminino de Emilia Pardo Bazán e María Xosé Queizán, o lesbianismo ou unha adaptación dramática da Bella Otero. Complétase con textos en homenaxe a Xela Arias, in memóriam, e María do Carme Kruckenberg. Ilustra este número a obra de Xulio G. Rivas.