RESUMO

Festa da palabra silenciada
n. 25 ( 2009)

Co gallo do 25 aniversario de Festa da Palabra, ofrécese un repaso ás aportacións máis salientables feitas pola revista ao debate feminista así como a súa capacidade para potenciar a creación literaria e artística das mulleres en Galicia. A extensa e variada sección de actualidade inclúe artigos sobre o ingreso de Margarita Ledo na Academia Galega, a presentación da Asociación de Mulleres Cineastas e de Medios Audiovisuais, a educación afectiva nos medios ou o teito de cristal. Algunhas das colaboracións abordan a intervención decisiva e as diversas formas de control exercida sobre os corpos das mulleres por parte da medicina, a pornografía, a trata de persoas con fins de explotación sexual ou a pobreza. Complétase coa habitual sección “Escrito por mulleres” e achegas críticas sobre literatura, ensaio e arte. As ilustracións son de Delaine Le Bas e Maribel Longueira.