RESUMO

Festa da palabra silenciada
n. 26 ( 2010)

Co gallo do 125 cabodano de Rosalía de Castro, e vintecinco anos despois do nº 2 dedicado á escritora, o monográfico ofrece unha nova ollada á súa vida e obra desde o feminismo. Revísanse a viúva de vivo e outras figuras femininas, as ideas estéticas, as relacións da escritora cos medios e co teatro e as mencións a Rosalía de Castro aparecidas nos textos das viaxeiras británicas de fin de século. Ademais ofrécese información sobre a súa tradutora ao catalán, Agna de Valldaura. A sección de actualidade inclúe achegas ao conflito entre Palestina e Israel, críticas á política de igualdade do goberno español, as pintoras surrealistas e a vindicación da educación para as mulleres nas escritoras galegas no s. XIX. Complétase cunha nota in memoriam dedicada a Francisco Fernández del Riego, o repertorio anual da literatura galega escrita por mulleres e recensións críticas. As ilustracións son de Mercedes Lence.