Presentación de A Saia. Publicacións feministas e LGBTIQ+
A Saia é un proxecto conxunto do Consello da Cultura Galega, a través do seu Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (antes Comisión de Igualdade), e ADHUC - Teoria, Gènere, Sexualitat (antes Centre Dona i Literatura) da Universitat de Barcelona. Iníciase en 2012 e toma o nome da publicación homónima A Saia, a primeira revista feita por un colectivo feminista independente en Galicia. O obxectivo último desta proposta pasa por poñer progresivamente á disposición do público unha documentación de utilidade para todas as persoas interesadas nos movementos feministas e LGTBIQ+ e na historia contemporánea. Nestas publicacións pódense documentar con moito detalle os debates sobre as accións reivindicativas, o pensamento e as formas de creación xeradas así como as recorrentes revisións sobre a articulación do suxeito político do feminismo. Para facilitar o acceso aos contidos de cada cabeceira, a edición dixital compleméntase cun Índice documentado. Nestes documentos en pdf recóllense polo miúdo datos que non teñen cabida no índice convencional e resulta de grande utilidade porque reúne todos os índices de cada cabeceira, engadindo, cando é o caso, información sobre autorías asinadas con pseudónimo, nomes incompletos ou colectivos, así como un listado de siglas citadas. Este documento é de grande utilidade para ter un coñecemento global dos contidos de cada cabeceira e para a investigación.