Por Emilio Grandío
O fondo privado de propaganda política Miguel Gutiérrez está constituído por materiais propagandísticos de diversa tipoloxía creados por organizacións políticas, sociais e culturais de todo tipo durante os séculos XX e XXI. O Consello da Cultura Galega (CCG) e o grupo de investigación HISPONA (GIH) da Universidade de Santiago de Compostela subscribiron en 2022 un convenio para a dixitalización, catalogación e posta á disposición pública dun amplo fondo de carteis, folletos e adhesivos datados entre os anos 70 e principios do 2000, de temática e/ou produción galega.
A consulta deste fondo mergúllanos especialmente naqueles primeiros anos da nosa democracia. Que a sociedade dos anos setenta puidese chegar a se entender e decidir en común o seu futuro non foi tarefa doada. Houbo que xerar novas maneiras, respectos, espazos, xeitos de convivir. As rúas eran naqueles anos un espazo de convivencia, non só de tránsito. Na rúa, onde se difundía e onde se atopaba toda esta propaganda —no chan, nas paredes…—, vivíase. En colectivo. Día e noite. A diferencia de hoxe, a propaganda e a información eran tanxibles, táctiles, tiñan textura.
Daquela o conflito era asumido como algo natural e cotiá, e tiña lóxica que así fose. Había moitos temas que debater, por que nos ámbitos da cultura democrática, case to-do estaba por construir. Co paso do tempo é posible ver os trazos comúns de todas esas dis-cusións: a procura dunha coincidencia maioritaria do obxectivo final. Foi un camiño de en-frontamentos, de conflitos, de loita, de esforzo polos avances e tamén de mantemento de inercias que pugnaban a favor do conservadorismo e dunha ditadura. Non foi doado. Nin gratuíto.
As tarefas establecidas no convenio foron a identificación e catalogación dos ma-teriais, a súa dixitalización, a indexación e un conxunto de actividades de divulgación.
Dende o 2022 ata o ano 2024 realizouse un intenso labor de dixitalización dos fondos de Miguel Gutiérrez que levou a que fixeramos máis de 11.000 fotografías destes materiais. Destas, 5328 corresponden a folletos e adhesivos, 260 a carteis e o resto a publicacións periódicas. En total, máis de 3600 entradas, agora de libre disposición e acceso a través da plataforma do CCG.
O Fondo de Propaganda Política Miguel Gutiérrez pon sobre a mesa e visualiza o inxente traballo daqueles anos. Moi especialmente da xente anónima, nunca recoñecida, que quería un futuro dialogado en paz e democracia. Ninguén dúbida de que aqueles tempos foron duros, tanto pola incerteza do futuro como porque había que afastar os usos e abusos dun réxime ditatorial de moitas décadas. Mais o gran valor residiu na capacidade de xerar ilusión, de imaxinar futuros, máis ou menos acertados, pero todos dentro dun marco común. Un camiño en ocasións lento, noutros tremendamente rápido e co abismo diante a poucos pasos. Pero sempre conscientes do xeito cara onde camiñar. Non había alternativa. Así se constrúe unha democracia.