arquivo web



Onde estás:  Inicio > Os ENDL > Os equipos que queremos > Promoción do galego dende os ENDL




A promoción do galego desde os Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística

 Descarga


Os equipos de normalización e dinamización lingüística (ENDL) dos centros de ensino teñen unhas funcións definidas na lexislación, pero non por iso todos conseguen promocionar o galego de forma “efectiva”, e seguramente que non é –na inmensa maioría dos casos- por falta de interese no tema. 

Lévanse anos reivindicando:

  • Formación para o profesorado dos ENDL sobre como elaborar e desenvolver un proxecto normalizador.
  • Orientación precisa sobre o enfoque do traballo.
  • Coordinación do traballo dos ENDL para optimizar esforzos e recursos.

Estas reivindicacións repetidas durante anos mantéñense aínda no presente curso 2009-2010, pese a que desde o 2006 puidemos gozar da organización dos seminarios de dinamización lingüística e mais das figuras dos e das coordinadoras provinciais.

Este curso comeza despois de asistirmos durante os últimos meses a un intento de deslexitimación do noso traballo por parte dun grupo, moi reducido pero con moita proxección mediática, que se opón á normalización da nosa lingua.

As circunstancias dos ENDL dos distintos centros de toda Galicia son moi diversas, nos extremos están os que levan máis de 15 anos funcionando e os que se crean cada novo curso, deixando no medio un lote de casuísticas moi variadas. Sexa dun ou doutro xeito, recomendamos ter sempre claros uns presupostos básicos, que enumeramos a continuación, e logo, a partir deles, que cadaquén programe as actividades na medida das súas posibilidades.  

  1. Un centro precisa un ENDL que ten que ser, ou pretender ser, un equipo, é dicir composto por persoas que actúan cara a un mesmo obxectivo que debe estar ben claro: a promoción do galego. Para colaborar nun ENDL non hai que ter unha cor política concreta (só faltaba!!), nin sequera hai que practicar un activismo lingüístico que parta dun compromiso demasiado exacerbado. No equipo debe estar o maior número de profesorado posible, e o noso esforzo tería que ir encamiñado a que a maior parte dos docentes se impliquen, máis ou menos activamente, nas actividades do ENDL. Para iso teñen que ter claro que as súas actuacións van encamiñadas a conseguir que o galego deixe de estar minorizado e teña unha situación “normal”. Hai moito profesorado de todas as materias (porque os ENDL non deben ser só “cousa dos de galego”) que pode compartir unha serie de premisas sobre o galego: a) que é lingua propia de Galicia, b) que debe ter iguais dereitos có castelán, c) que está nunha situación minorizada e necesita un plus; d) que serve para ensinar outras materias, e) que se pode traballar pola súa normalización desde os centros de ensino; f) que buscar a normalización do galego non significa impoñer o seu uso... E dentro deste profesorado os usos poden ser monolingües en galego, pero tamén bilingües -máis ou menos practicantes do galego- e mesmo monolingües en castelán, aínda que estes sempre deben manter a necesaria coherencia en canto ao uso do galego nas actividades do ENDL.

  2. Se esta mensaxe se transmite ben, pode descubrirse a moito profesorado que participa destas ideas e que, tendo vontade de involucrarse nun centro, terá vontade de colaborar co ENDL. Posiblemente non se consiga nun só curso, pero cómpre tentalo sempre, evitando tamén caer no vitimismo (“somos poucos e estamos sós”), na exclusión e/ou na tendencia a formar guetos nos centros, poñendo así máis trabas das xa existentes.

  3. Nos IES e CPI cómpre implicar o alumnado, algo que require un esforzo extra, pero que é unha das maiores medidas normalizadoras que podemos desenvolver. Reflexionemos sobre o significado que pode ter que o profesorado membro dun ENDL dun centro, que está moi comprometido coa lingua, cree e manteña un blog marabilloso, activo, moi actualizado e que serve de referencia para todos os que nos movemos no mundo da normalización lingüística, pero que non chega ao alumnado que, nin o le, nin sabe que existe. Recorremos ao exemplo do blog porque é algo que se estendeu moito nos últimos tempos nos ENDL, pero debe aplicarse a calquera actividade do equipo. Se cadra non é posible que os rapaces e rapazas participen de todo o que nós facemos, pero teñen que ser parte do grupo de traballo e participar do espírito deste mesmo. Esta pode ser unha das maiores actividades de promoción do galego: conseguir alumnado lingüisticamente consciente, que non ideoloxicamente marcado, e que ao mesmo tempo poida difundir fóra do centro o que é realmente un ENDL e que labor desenvolve, contrarrestando así discursos que pretenden desprestixiar o noso traballo.

  4. Os obxectivos concretos do ENDL de cada centro teñen que estar adaptados á súa realidade sociolingüística. Aínda que as actividades que se programen nun centro poidan ser copiadas para outro, non se pode pretender realizalas do mesmo xeito naqueles que xa teñen unha bagaxe normalizadora de máis de 10 anos funcionando, ca nos que teñen un equipo e unha dinámica de traballo moito menos asentada, onde a receptividade, o apoio... certas inercias están por construír. Pola contra, nestes xógase coa baza da novidade e da ilusión, aínda que hai que asentar ben-e volvo insistir- cal vai ser o obxectivo e progamar as actuacións en relación a el. O exemplo do blog serve para explicalo, xa que se trata dunha actividade fundamental para o fomento do uso culto da lingua entre aqueles que non contan con outros espazos para desenvolvela, ligándoa ademais á modernidade e ao uso das novas tecnoloxías. Mais se todos os post os elabora un, ou varios, profes á marxe totalmente do alumnado, ese obxectivo non o cumpre. Pode ser que teña outro, e moi válido, pero ten que estar moi ben definido e axustado á realidade sociolingüística da comunidade educativa.

  5. Os integrantes de ENDL damos pasos a prol da promoción do galego, sempre que asumamos o que significa isto, que xa non pasa por ligarnos exclusivamente coas actividades complementarias e extraescolares ou por, unicamente, xuntar a moitos rapaces nun Correlingua sen a preparación previa que esta actividade promove e require. Pasa por asimilar que o momento no que nos atopamos é moi delicado e o noso papel é moi importante. Pasa, polo tanto, por:
    • elaborar programas axustados ás nosas posibilidades pero onde todas as actividades teñan un obxectivo normalizador moi ben definido e axustado ao contexto do centro.
    • buscar a colaboración de toda a comunidade educativa, da ANPA e das entidades do contorno para conseguir máis calado normalizador.
    • coordinarnos con outros ENDL doutros centros de ensino para xuntar esforzos, facer unha fronte común para, ademais de contribuír á adquisición das capacidades lingüísticas do alumnado, crear un contradiscurso que chegue á sociedade, a través de cada unha das nosas comunidades educativas.

 





16 de Outubro de 2016
twitter tuenti facebook youtube slideshare vimeo








Aviso Legal

Os contidos e recursos recollidos nesta páxina web teñen unha finalidade educativa. Calquera contido que non cumpra cos requisitos necesarios para aparecer nesta web será retirado inmediatamente se así é comunicado polo autor e/ou autores ou propietarios/as dos seus dereitos.
A través desta páxina accédese libremente a recursos educativos da autoría da Coordinadora Galega de ENDL, dirixidos a aquelas persoas que queiran facer deles un uso ou utilización educativa.
Nesta páxina tamén se accede, a través de ligazóns externas ou directamente, a contidos educativos creados por docentes e centros educativos, así como por institucións e colectivos sociais e culturais cuxa autoría é citada expresamente.
A CGENDL non ten ningunha finalidade lucrativa e en ningún caso se comercializa cos contidos que aparecen neste sitio web, tampouco por parte de terceiros.