A-1 Seguridade:

É unha empresa de servizos multimedia de televixilancia, situada en Santiago de Compostela; ofrece sistemas integrais de seguridade electrónica, planos de seguridade á medida, sistemas de telecomunicación e tamén produtos como cámaras, alarmas, portas blindadas, extintores., etc.
En canto ao uso da lingua semellan telo claro: páxina web e contactos integramente en galego, así como o resto de documentación interna da empresa, rotulación, usos orais...
Valorouse o rigor e seriedade dos usos lingüísticos nun sector empresarial que usualmente non asociamos á promoción do idioma. Polo tanto, pode representar unha candidatura interesante, en canto rompe tópicos neste sector das empresas de seguridade.
Encóntrala en: Rúa República Arxentina, 29 / 15701  ou Rúa José Villar Granjel, 30 / 15890 Polígono de Boisaca ( Santiago de Compostela. (T) 981 59 21 21 (F) 981 59 06 44 . Praza Luís Pérez Cepeda, 4 / 15004 A Coruña (T) 981 14 50 03 (F) 981 14 59 68. www.seguridade-a1.com

 


Alimentos Amorodo:

Empresa pequena que se dedica a facer conservas de produtos de orixe ecolóxica cunha produción de calidade pero, por agora, limitada (marmeladas de amorodos, laranxa...,  feixóns, tomate, cabaciño, marmelo...). A súa iniciativa empresarial aposta pola sostibilidade, na que inclúe tamén a lingüística (a súa páxina está  nun galego moi coidado) e evidencia un desexo de buscar alternativas económicas dentro do mundo rural galego que se fundamenten nun uso eficiente dos recursos e a enerxía.
A empresa busca potenciar a produción ecolóxica (é a materia prima coa que elaboran as conservas)  e contribuír ao desenvolvemento do pequeno comercio especializado en produtos ecolóxicos na xeografía galega.
Valorouse a contribución á normalización lingüística no mundo da empresa, ao lado da aposta polo medio ambiente, impulso dos modelos empresariais sostibles, etc.

Encóntrala en: Soutelo De Montes | Forcarei (PONTEVEDRA) |  986 756 214 | info@amorodo.es | 36560 http://www.amorodo.es/gl/presentacion.html

 


 

 

Imaxin Software:

Empresa de desenvolvemento de programas informáticos que emprega a lingua galega en tódolos ámbitos de xestión da empresa; así mesmo, desenvolveu solucións tecnolóxicas para a introdución do noso idioma no mundo empresarial. Teñen elaborado programas de tradución multilingüe como o "OPENTRAND" e tamén traballan moito servizos educativos e pedagóxicos relacionados co ecoloxismo e o fomento de valores cidadáns, a través de vídeos e xogos multimedia.
No uso do galego semellan unha empresa moi coherente e seria, que usa a lingua como marca de calidade, sen necesidade de engadir xustificacións previas; non venden identidade, pero si calidade e innovación. É dicir, exploran un ámbito empresarial que fomenta a modernidade do idioma, a súa adecuación a contextos profesionais de éxito económico e tecnolóxico.

Valorouse a integración no universo TIC, o toque de innovación nos servizos que ofrece ao cliente,  a perspectiva global que ten desde Galicia.

Encóntrala en: Salgueiriños de abaixo nº11 L6, 15891,Santiago de Compostela. Tfno:34 981 554 068; Fax:34 981 554 988 imaxin@imaxin.com

 


 

 

Martín Códax:

Adega con excelentes produtos (viños, licores, augardentes...) que amosa o seu compromiso coa lingua e coa cultura galegas desde o seu propio nome. Creada en 1986 en Burgáns - Vilariño (Cambados), exporta os seus produtos a máis de corenta países do mundo, nos que en paralelo "promove a cultura galega". A súa páxina web ofrece por defecto a versión galega (existen tamén versións en español e inglés) e os seus produtos son etiquetados en galego para Galicia e para todo o Estado, axustándose ás respectivas normativas locais no resto dos países do mundo nos que a empresa desenvolve a súa actividade.

Valorouse ao considerar a súa candidatura o compromiso inequívoco co país, visible desde mesmo a súa propia definición como empresa (vid. pestana "adega" do seu sitio web) e a opción pola galeguización dos seus produtos incluso estando destinados á súa distribución fóra de Galicia.

Encóntrala en:  Burgáns 91 - 36633 Vilariño, Cambados - Pontevedra.  TLF: 986526040.  Fax: 986526901.  administracion@martincodax.com

 


 

 

R Telecomunicacións:

Empresa galega (Operador galego) de comunicacións por fibra óptica na que o idioma galego é un dos seus elementos diferenciais, é dicir, escolleron esta lingua para marcar a orixe galega da empresa e así distinguirse do resto de operadoras de telecomunicacións. Empregan o galego en todos os eidos de comunicación da empresa e relación coa clientela, aínda que na xestión interna non prevaleza o galego.

Valorouse en R a súa grande proxección pública xa que é unha empresa instalada practicamente en toda Galicia e que está ligada a un campo innovador como é o das telecomunicacións.

Encóntrala en: Rúa Real 85, 15003 A Coruña. Tfno: 1449; fax 902 92 22 92. http://corporativo.mundo-r.com

 

 


 

 

resultados
da votación:



Versión pdf.
O Premio Leixaprén, de recoñecemento á defensa e promoción da lingua galega, foi creado no ano 1999 a iniciativa do IES Poeta Añón de Outes e asumido pola Coordinadora Leixaprén de Equipos de Normalización Lingüística, que integraba distintos centros educativos das comarcas de Muros-Noia, Barbanza e arredores.

A partir do curso 2011-2012, o premio pasa a ser organizado pola CGENDL, como unha actividade aberta á participación de todos os Equipos de Normalización Lingüística dos centros de Ensino de Galicia, coa intención de lle dar continuidade ao obxectivo central co que naceu.

A Coordinadora Galega de ENDL (CGENDL) convoca o premio Leixaprén, que se rexerá polas seguintes

bases

O premio Leixaprén, de recoñecemento á defensa e promoción da lingua galega, concederase cada curso académico e non poderá quedar deserto.

1 Ámbito do premio

O consello directivo da CGENDL proponlle ao Xurado, cada curso académico, o ámbito de actuación do premio.

Os destinatarios do premio serán persoas, entidades ou institucións que se caractericen por unha defensa activa da lingua galega en calquera dos seguintes ámbitos de actuación:

1 Económico e empresarial

2 Xurídico e administrativo

3 Cultural e artístico

4 Deportivo

5 Relixioso

6 Medios de comunicación, márketing e publicidade

7 Educativo

8 Mocidade e lecer

9 Asociacionismo

10 Internet e novas tecnoloxías

Calquera outro ámbito, non recollido nos anteriores que, por razóns específicas de eficacia normalizadora, mereza o recoñecemento do xurado; así mesmo, por decisión do consello directivo da CGENDL poderase modificar ou concretar calquera dos ámbitos nomeados atendendo á evolución da realidade social.

2 Xurado

O xurado está composto polos Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística dos centros de ensino adscritos á CGENDL que votará entre un mínimo de tres e un máximo de cinco candidaturas que previamente vai establecer un Comité de selección que estará formado cada curso por:

a dous membros do Consello Directivo,

b dous membros en representación das Comarcas que compoñen a CGENDL, que con carácter rotatorio se escollerán por orde alfabética e deben pertencer a provincias diferentes, e

c unha persoa convidada que conte con especial coñecemento do ámbito seleccionado
en cada edición.

Será función do Comité de selección presentar candidaturas de persoas, entidades ou institucións que se caractericen por unha defensa activa da lingua galega no ámbito correspondente e que teñan unha especial incidencia social, ben pola súa continuidade e eficacia ao longo do tempo, ben pola exploración de novas vías para a normalización do idioma e que atendan á maioría dos seguintes requisitos:

1 Fomentar unha imaxe positiva da lingua libre de tópicos e prexuízos.

2 Contribuír á extensión do uso do idioma, especialmente no sector correspondente

3 Reforzar a dignificación da lingua

4 Manifestar unha actitude coherente e sólida na súa aposta pola lingua

5 Apostar pola creatividade, a orixinalidade e a proxección cara ao futuro.

3 Prazos

O comité reunirase no 2º trimestre

Os equipos votarán ata o 17 de maio

O premio entregarase no 3º trimestre

4 Sistema de votación

Os Equipos votarán os candidatos a através da páxina web da CGENDL

5 Entrega

Farase un acto público de entrega do galardón.

6 Interpretación 

O xurado queda facultado para interpretar as presentes bases.