por Xosé M. Núñez Seixas
O proxecto Lugares de memoria de Galicia constitúe un catálogo virtual de 75 entradas que abranguen dende a Prehistoria ata a Idade Contemporánea, a Galicia territorial e mais a Galicia da diáspora. Serán publicadas ao longo dos vindeiros meses e anos de maneira regular en consellodacultura.gal.
Segundo a canónica definición do historiador francés Pierre Nora, son lugares de memoria toda sorte de entes tanxíbeis e intanxíbeis, quer espazos físicos e conceptos —incluíndo expresións e termos—, quer prácticas e obxectos que, por desexo de actores concretos e representativos dunha comunidade, se converten co paso do tempo nun elemento simbólico para ese colectivo ou comunidade determinada. Serven ademais de ponte entre a memoria, interpretación compartillada do pasado sempre difusa e cambiante, e a historia, reconstrución crítica do mesmo en momentos determinados. A primeira conmemora e sacraliza; a segunda problematiza e formula interrogantes. Os significados e valencias atribuídas a eses lugares de memoria poden experimentar grandes variacións ao longo do tempo. Non xorden dun pouso inmanente de memoria popular ou nacional, senón que foron o resultado dunha elaboración consciente por parte de actores concretos, institucionais ou sociais, individuais e colectivos.
Os lugares de memoria poden ter materialidade ou non. Mais é a interacción cun espazo social a que determina os seus cambiantes significados. Asumimos así o termo de “espazo memorial”, definido pola interacción cos actores sociais e as institucións a través de ritos e discursos. Neles condensaríase unha narrativa pública verbo da memoria colectiva, difundida dende o Estado e as institucións. Unha memoria cultural que non se impón por si propia, senón que convive e interacciona cunha memoria comunicativa, transmitida pola sociedade civil, tanto no ámbito semipúblico como no privado e familiar.
O elenco de entradas que verán a luz de maneira sucesiva neste portal abrangue lugares físicos, como o Dolmen de Dombate ou o Parque do Pasatempo, mais tamén cabeceiras de prensa, como O Tío Marcos d’a Portela, e figuras, mitos, termos ou eventos salientábeis, dende María Soliña ás folgas de Ferrol en 1972. Os lugares físicos posúen unha historia cambiante, e adoito a súa significación e función variaron ao longo dos tempos. Determinados libros, textos ou conceptos, tamén. No caso de figuras emblemáticas non se abordará a súa biografía, senón o seu pouso poliédrico da memoria posterior, dende o mestre Mateo a Castelao. Aspiramos con esta iniciativa a profundar no coñecemento da nosa historia e do noso patrimonio, material e inmaterial, mediante unha ollada diacrónica, que pon o acento na construción dunha memoria colectiva, plural e cambiante, de Galicia.