“A escultura paréceme unha maneira parcial de ver a vida. Eu fago autobiografía e confésome nela. Se vivise 150 anos, repartiríaos entre escultor, cineasta, actor... e todo iso co espírito da poesía”. Estas palabras son de Paco Pestana e nelas reflíctese tanto o espírito deste creador multidisciplinario como o seu interese por todo o relacionado cos produtos artísticos. Co fin de homenaxear a súa figura e de analizar a vida e obra do artista, o ciclo Revisando a nosa arte dedícalle a xornada “Paco Pestana: o impenitente narrador da vida”.
A sesión comezará cun relatorio a cargo de Juan Manuel Bonet, após o que se desenvolverá a mesa redonda “O meu amigo Paco Pestana”. Nela participarán o arquitecto Santiago Catalán; o director da Galería A Catedral en Lugo, Jorge Espiral; o pintor e profesor Miguel Anxo Macía; o escultor Juan Lomarti, e Rosario Sarmiento, historiadora e xestora cultural. A cita continuará coa proxección fotográfica “Oito miradas sobre Paco Pestana”, coordinada por Xurxo Lobato e composta por fotografías de Eduardo R. Ochoa, Pepe Álvez, Xosé Reigosa, Xosé Manuel Otero, Carlos L. Valcárcel, Luis Engroba, Xosé Marra e Pedro Agrelo. Finalmente, realizarase unha visita guiada á obra de Paco Pestana na colección permanente do Museo Provincial de Lugo da man da súa directora, Aurelia Balseiro.
A figura de Paco Pestana
Nado na Frairía (Castroverde, Lugo) en 1949, Paco Pestana iniciouse no mundo da escultura cando tiña 28 anos. De formación autodidacta, foi un autor imaxinativo, histriónico e irreverente, mais tamén un agre observador do mundo cunha inefable capacidade para narrar.
Apegado ás súas orixes campesiñas, fixo da natureza o núcleo esencial da súa obra, en termos tanto conceptuais como materiais. “Ou son natureza ou non son nada…”, chegou a afirmar. Pestana observaba a natureza co único fin de asemellarse a ela e de transmitir todo iso na súa obra, o que o levou a crear un universo absolutamente propio. De feito, poucas veces se produciu tal conexión entre un autor e a súa obra artística. A natureza está tamén moi presente nos materias que empregou para elaborar as súas esculturas, pois traballou fundamentalmente a madeira.
Cronoloxicamente, a súa traxectoria enmárcase dentro da xeración de artistas que xurdiu en Galicia a partir do grupo Atlántica, pero Paco Pestana nunca chegou a pertencer a el. En outubro de 2021 faleceu de maneira repentina cando contaba 72 anos de idade.
Revisando a nosa arte
A Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas puxo en marcha en marzo de 2022 Revisando a nosa arte, un ciclo que pretende achegarse ás figuras máis representativas das artes visuais de comezos do século XX. Isto implica afondar no Movemento Renovador da pintura galega que iniciou Castelao, proseguiu Carlos Maside e secundaron Arturo Souto, Laxeiro ou Manuel Colmeiro, e que se enriqueceu nas décadas seguintes con novas poéticas e tendencias. Estas xornadas tratan de poñer en valor e reinterpretar as obras destes e doutros artistas, a súa produción e as súas traxectorias. O ciclo comezou cunha análise da figura de Carlos Maside e continuou coas de Laxeiro, Maruja Mallo, Arturo Souto, Julia Minguillón, María Antonia Dans, Guillermo Monroy, Mon Vasco, Luis Borrajo, Alberto Datas, Xaquín Marín e Reimundo Patiño.
Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas
Esta xornada insírese dentro da liña de traballo de observación da realidade do sistema artístico actual que mantén a Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega. A Sección está coordinada por Manuel Quintana Martelo e ten como membros a Paula Cabaleiro, Carmen Díaz Cacheda, Miguel Fernández-Cid, Jesús Pastor, María Asunción Rodríguez, Luis Rosón, Ramón Rozas, Sofía Santos, Rosario Sarmiento, Manuel Vilariño e Lucila Yáñez.



