----

Diferentes expertas e investigadoras reflexionan sobre o acoso sexual nunha xornada

O acoso sexual é unha realidade que está presente en moitos ámbitos da vida das mulleres desde a súa infancia. Co fin de afondar na súa concepción e nas diversas formas en que este se manifesta, o Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF) do Consello da Cultura Galega (CCG), en colaboración coa Sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais da institución, organiza mañá martes (28 de novembro, 10:00 horas) a xornada Que é “si”? Sobre o acoso sexual. Na inauguración intervirán a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; a coordinadora do CDIF, Carme Adán, e a da Sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais, Cristina Domínguez. A xornada é presencial, pero poderá seguirse en directo a través do sitio web e as redes sociais da institución.

O encontro enmárcase dentro das xornadas de traballo anuais que o Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos do Consello do CCG organiza para dar visibilidade ás diferentes formas de violencia de xénero. A primeira edición tivo lugar no ano 2017 e, dende esa data, abordáronse temas vinculados co ciberacoso, co patriarcado na xustiza e coa violencia institucional e sexual. Nesta ocasión, o eixe temático xira arredor do acoso sexual e a presenza deste tipo de violencia no mundo das artes escénicas.

O programa
Abrirá a cita a investigadora e pensadora feminista Clara Serra cunha análise sobre a noción de consentimento e as súas implicacións lexislativas. A continuación, a escritora e xornalista Cristina Fallarás pronunciará o relatorio “#Acabouse, a denuncia xeneralizada do acoso sexual”, após o que Rosa Campos, psicóloga e directora do Centro de Información á Muller (CIM) do Concello de Pontevedra, achegará o caso da campaña #PrimAcoso. Presentarán ás conferenciantes Carme Adán, Luz Darriba e Montse Fajardo, coordinadora e integrantes do CDIF, respectivamente.

A sesión da tarde estará dedicada a analizar o acoso sexual no mundo das artes escénicas. Marta Pérez, actriz e directora de Inversa Teatro, e Laura Míguez Escudero, actriz e profesora na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, achegarannos as súas experiencias persoais nunha mesa moderada pola integrante do CDIF Inma López Silva. Posteriormente, proxectarase o documental El sostre groc (O teito amarelo), de Isabel Coixet. Tras o seu visionamento, Cristina Domínguez, coordinadora da Sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais, presentará as protagonistas da peza audiovisual, Sonia Palau e Violeta Porta, que intervirán por videoconferencia.

O CDIF
A cita está organizada polo Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF) do Consello da Cultura Galega, coordinado por Carme Adán e que ten como membros a Luz Darriba, Montse Fajardo Pérez, Paz Filgueira Paz, Inmaculada López Silva, Cristina López Villar, Mariám Mariño Costales, Luzia Oca González, María Dolores Pereira Oliveira, Ana Belén Puñal Rama e Rexina Rodríguez Vega. Entre as súas actividades, o CDIF é o responsable do Álbum de Mulleres, destinado a dar visibilidade e facilitar o acceso a información, imaxes, escritas, traballos e traxectorias de mulleres galegas ou relacionadas con Galicia.


Sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais
Na organización desta xornada participa, ademais do CDIF, a Sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais do Consello da Cultura Galega. Coordinada por Cristina Domínguez Dapena, entre os seus membros figuran Eduardo Alonso Rodríguez, Natalia Balseiro, Montserrat Capelán, Carlos Vizcaíno Fernández, Beli Martínez, Ramon Pinheiro Almuinha e José Manuel Sande García. Entre as actividades organizadas pola Sección, cómpre destacar a presentación, o vindeiro día 2 de decembro en Amiadoso (Ourense), do proxecto audiovisual O que pode a danza, ideado e comisariado por Natalia Balseiro.