A Organización das Nacións Unidas (ONU) proclamou a Declaración Universal dos Dereitos Humanos o 10 de decembro de 1948. “Foi o primeiro documento legal en asegurar a protección dos dereitos e liberdades fundamentais que temos todas as persoas polo feito de existir”, subliña o especial. Malia seren inherentes ao ser humano, con independencia da súa condición económica, social, ideolóxica ou racial, “é doado comprobar como millóns de persoas non ven protexidos estes seus dereitos e seguen agardando que estes deixen de ser promesas”, explica a nova entrega. Nela, escólmanse unha ducia de recursos audiovisuais que poñen o foco naqueles dereitos humanos que están gravemente ameazados.
O dereito á educación é o tema central de varias das pezas seleccionadas. Así, en “Como conseguín que os talibáns non pechasen a miña escola”, Sakena Yacoobi explica que decidiu crear escolas clandestinas durante o réxime talibán para proporcionarlles unha educación digna aos nenos e nenas do seu país. Mentres en “Como a escola pública americana mantén os nenos na pobreza” Kandice Sumner reflexiona sobre as desigualdades pedagóxicas que existen nos Estados Unidos, onde os factores sociais e económicos do alumnado inflúen no seu futuro educativo. A nova entrega inclúe tamén un recurso en que se afonda sobre que é a educación para a cidadanía global, os seus aspectos chave e as súas principais dimensións.
Xunto coa educación, o especial pon o foco no concepto de igualdade e xustiza a través de “Cancelo Agra”, vídeo que repasa o pensamento filosófico da galega María Xosé Agra. A peza forma parte da serie web de ficción Sophias, producida polo Consello da Cultura Galega co fin de divulgar a figura de mulleres filósofas destacadas ao longo da historia. Ademais, en “Como se pode cuantificar o grao de segregación dun grupo social?”, Coral del Río explica que a segregación constitúe un factor esencial para identificar as consecuencias da desigualdade e a exclusión social. As diferenzas globais en termos alimentarios é o eixe temático arredor do que reflexiona Ellen Gustafson, cocreadora das bolsas filantrópicas FEED, para quen a fame e a obesidade constitúen dúas caras da mesma moeda, tal e como afirma no vídeo TED “Obesidade + Fame = 1 problema alimentario global”.
A nova entrega de Proxector tamén afonda nos factores que, como as guerras ou o racismo, están a dificultar a protección dalgúns dereitos fundamentais. Sobre o primeiro destes factores fala Margaret Bourdeaux en “Por que os civís sofren máis cando xa rematou a guerra”. Arredor do segundo profunda Dorothy Roberts, quen explica o problema da medicina baseada na raza, e Dwan Reece, que expón as orixes da práctica do blackface.
Complementan o especial as pezas “Fluxos migratorios, realidade e ficción: unha reflexión sobre a representación das migracións nos audiovisuais” e “As mulleres migrantes terman do mundo”, arredor do fenómeno migratorio, e mais o vídeo “Obxectivos de desenvolvemento sostible”, no que se analizan os dezasete propósitos aprobados pola ONU en 2015 para procurar un futuro sostible para a poboación mundial.
O proxecto
Proxector: audiovisuais en galego para a docencia é un espazo web dedicado a recompilar, clasificar e difundir recursos audiovisuais que sirvan de apoio á docencia en lingua galega de diversas materias de bacharelato e de ensino universitario.
O proxecto orixinal foi deseñado polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela e botou a andar no ano 2015 no portal educativo Didactalia. En 2018 o CCG, a través do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG), sumouse á iniciativa e comezou a participar de xeito activo tanto na súa coordinación como na edición de contidos. Cumprindo coas competencias que lle son propias no eido da preservación e difusión do idioma galego, o CCG acordou asumir tamén a custodia dos datos recompilados ao longo destes anos e que, a partir de agora, estarán ao dispor da cidadanía no sitio web institucional.
Os vídeos están clasificados segundo a súa temática, o idioma no que foron gravados ou subtitulados e o nivel de ensino no que se considera que poden ser empregados. A maiores, ofrécese unha ficha descritiva coa información básica de cada recurso. Pódese acceder aos contidos a través da busca libre ou dos diferentes despregables, que permiten filtrar os resultados segundo os criterios de clasificación antes citados.