----

O Álbum de Galicia incorpora a entrada do crego e músico Ángel Rodulfo

Ángel Rodulfo (Baiona, 1880 – Vigo, 1956) compaxinou o seu ministerio sacerdotal cunha ampla actividade no eido da música. Foi compositor, instrumentista, docente e pedagogo musical e, aínda que “adquiriu xusta fama no seu tempo”, na actualidade “forma parte daqueles músicos galegos ‘esquecidos’ que, no entanto, merecen un estudo rigoroso”. Así o subliña Javier Jurado na entrada que asina para o Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías que mantén o Consello da Cultura Galega (CCG).

Ángel Rodulfo

Nado en Baiona, Ángel Rodulfo González cursou os seus estudos no seminario de Tui. Alí recibiu leccións de solfexo e órgano baixo a dirección de José Basadre List e, posteriormente, de Marcelino Lozano, con quen se iniciou na harmonía. Á idade de 23 anos foi ordenado presbítero. “Para entón, completara os seus estudos musicais de harmonía e composición co distinguido músico vigués Francisco R. Núñez”, explica Javier Jurado na súa biografía do Álbum de Galicia. Nela destaca a vocación sacerdotal de Ángel Rodulfo e o seu labor como coadxutor da Colexiata de Baiona e como capelán de distintas institucións, como o sanatorio Sancti Spiritus, o hospital Elduayen ou os Irmáns Maristas de Vigo. Ademais, exerceu como organista e mestre de capela da igrexa de Santiago de Vigo desde o ano 1916 “até ben entrados os anos vinte e incluso na década seguinte, xa que en 1934 compuxo o himno desta parroquia e en 1939 estreou alí a súa Misa de Réquiem”, continúa o autor da súa entrada.

A composición foi un dos eidos en que Ángel Rodulfo acadou un maior prestixio, especialmente após a creación do apropósito lírico La Virgen de la Roca. A obra estreouse en 1910 na cerimonia de inauguración do monumento homónimo. Na entrada do Álbum de Galicia incorpórase o preludio desta composición, interpretada ao piano por Alejo Amoedo, así como a noticia da súa estrea nas festas de Baiona e un artigo asinado por Xulio Cuns no que se achega información sobre o xénero do apropósito.

Xunto con esta obra, cómpre destacar as súas tres coleccións de Cantos populares de Galicia, armonizados y adaptados para piano con letra (1951–1952). “Con elas o compositor sitúase claramente dentro da corrente do galeguismo tradicionalista, dado que se cinxe aos xéneros que o antedito movemento sinalara como pertinentes para expresar a etnicidade galega (alalás, muiñeiras, foliadas etc.)”, subliña Javier Jurado. En 1953 reuniu catro das súas composicións ―o Romance de Santa Irene, a nana O meniño chora moito, a Pandeirada de Caldas e a muiñeira Miña Virxen d’a Peneda― nunha colección titulada Refrexos d’a Terra, cuatro composiciones gallegas sobre antiguos temas populares para coro a cuatro voces blancas.

Ademais de compositor, Ángel Rodulfo foi docente. Formou parte do cadro de profesorado do colexio María Auxiliadora no curso 1919-1920 e, tras o remate da Guerra Civil, impartiu clases no colexio Mezquita. Así mesmo, “foi considerado un excelente pedagogo musical”, indica Javier Jurado na súa entrada do Álbum de Galicia. Nela subliña que Rodulfo deu clases particulares de música a personalidades destacadas da sociedade baionesa e que mesmo “chegou a formar a intérpretes avezados, como, por exemplo, a viguesa María del Carmen González Feijóo”. Tamén fundou a capela Rodulfo, dirixiu o coro de voces brancas Lar e escribiu artigos sobre temas musicais que se publicaron en xornais como Faro de Vigo.

Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país. A día de hoxe, o Álbum conta con máis de 700 entradas, das cales as máis recentes son as de Lino Braxe, José Baldomir, José Veiga Roel e Elena Quiroga.

As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.

O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do Consello da Cultura Galega, nas que desde o ano 2005 se teñen publicado álbums sobre a muller, a ciencia ou a emigración, entre outros.