----

O Álbum de Galicia actualiza a entrada de Luísa Villalta

Luísa Villalta (A Coruña, 1957–2004) destacou como escritora en lingua galega cunha obra na que cultivou diferentes xéneros, como a poesía, a narrativa ou o teatro. Ademais, colaborou con diferentes cabeceiras xornalísticas, elaborou traducións e foi tamén violinista. Cun fondo sentido da xustiza e da conciencia social, sobresaíu “pola forza da súa voz” e por estar “sempre do lado das persoas máis desfavorecidas”, subliña Silverio Cerradelo. El é o autor da súa entrada no Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías que mantén o Consello da Cultura Galega (CCG), entrada á que hoxe se incorporan novos recursos e materiais. Con esta actualización, o CCG súmase ao recoñecemento de Luísa Villalta como autora homenaxeada no Día das Letras Galegas 2024.

Nada na Coruña, Luísa Villalta Gómez licenciouse en Filoloxía Hispánica e en Filoloxía Galego-Portuguesa na Universidade de Santiago de Compostela e, ademais, cursou unha titulación superior en violín. Formou parte da Orquestra de Santiago de Compostela e da Xove Orquestra de Galicia e, a nivel profesional, deu clase de Lingua e Literatura Galega no ensino secundario.

“Foi unha escritora prolífica e versátil, autora de poesía, narrativa, ensaios, pezas dramáticas e textos xornalísticos en lingua galega”, subliña Silverio Cerradelo na súa biografía. Nela, destaca tamén a participación de Villalta en actividades de índole cultural (seminarios, conferencias e recitais de poesía), así como a súa colaboración en publicacións periódicas. A Nosa Terra, Festa da Palabra Silenciada ou A Trabe de Ouro foron algunhas das cabeceiras nas que publicou artigos, moitos dos cales deixan entrever tanto a propia personalidade da autora como a súa conciencia social. Varias desas colaboracións anéxanse como materiais complementarios na súa entrada do Álbum de Galicia.

Xunto co sentido da xustiza social, “na súa obra tamén estivo presente a consciencia de ser muller, de vivir nunha sociedade onde os homes e as mulleres están marcados de maneira moi diferente polo feito de selo”, continúa Cerradelo. Así mesmo, cómpre destacar o compromiso de Villalta cos dereitos lingüísticos dos galegos e galegas, o que a levou a implicarse en diferentes iniciativas. Neste sentido, formou parte da directiva da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e foi membro activo da Mesa pola Normalización Lingüística.

Ao longo da súa traxectoria, Luísa Villalta alzouse con varios galardóns. A taberna do holandés foi premiada no certame de relatos curtos Modesto R. Figueirido (1990), mentres que o seu poemario En concreto recibiu o XIII Premio Espiral Maior (2004). Postumamente, conseguiu o Premio da Crítica Galega á Creación Literaria (2005) por esa mesma publicación. Na actualización da súa entrada no Álbum de Galicia incorpórase unha relación de todas as obras publicadas pola autora, que faleceu prematuramente en 2004 cando tiña 46 anos de idade e “unha vida chea de ocupacións, proxectos e esperanzas”, conclúe Silverio Cerradelo.

Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país. A día de hoxe, o Álbum conta con máis de 700 entradas, das cales as máis recentes son as de Ángel Rodulfo, Lino Braxe, José Baldomir e José Veiga Roel.

As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.

O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do Consello da Cultura Galega, nas que desde o ano 2005 se teñen publicado álbums sobre a muller, a ciencia ou a emigración, entre outros.