----

A exposición Afonso X e Galicia chega a Boloña

Nunha nova itinerancia internacional, a mostra Afonso X e Galicia abre hoxe as súas portas na Sala Falchieri do Dipartimento di Lingue, Letterature e Culture Moderne (LILEC) da Università di Bologna. O proxecto, que realiza un percorrido pola poliédrica figura de Afonso X e a súa particular conexión con Galicia, poderá visitarse na cidade italiana ata o próximo 15 de marzo.

A exposición está comisariada por Antoni Rosell e é unha produción do Consello da Cultura Galega (CCG), co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia e a Deputación de Ourense. Foi concibida en 2021 para conmemorar os 800 anos do nacemento de Afonso X e, tras inaugurarse en Santiago de Compostela, comezou un programa de itinerancias que a levou por diferentes cidades. Bratislava (Eslovaquia), Perugia (Italia) ou Río de Xaneiro (O Brasil) son algúns dos destinos recentes nos que se puido ver a mostra, que permanece actualmente aberta na cidade eslovaca de Nitra e que, desde hoxe, tamén se pode visitar en Boloña (Italia).

O proxecto Afonso X e Galicia busca dar a coñecer a figura do monarca a través de documentos e testemuños arqueolóxicos, literarios e musicais. A dimensión máis humana do Rei Sabio, a súa vida e conflitos persoais e o seu labor científico, histórico e cultural centran tres dos bloques temáticos que conforman a mostra. O cuarto está dedicado á música do medievo, cun espazo especial reservado para as Cantigas de Santa María, obra cimeira de Afonso X e que constitúe un importante testemuño do patrimonio da lingua galega e da súa importancia no mundo románico medieval. O quinto bloque ilustra graficamente como era a vida cotiá do monarca e a sociedade da Idade Media grazas ás imaxes extraídas do Códice Rico, mentres que no último espazo se presentan diferentes elementos patrimoniais conservados en Galicia e relacionados cronoloxicamente con Afonso X.

No canto de seguir unha orde cronolóxica, a mostra ofrece un percorrido flexible e multidisciplinario con diferentes niveis de lectura. Así, xunto cos paneis expositivos e as proxeccións, instaláronse unha serie de códigos QR que remiten a un sitio web no que se aloxan textos recitados, audios e outro tipo de contidos ampliados que buscan enriquecer a experiencia dos e das visitantes. Entre eles, cómpre destacar as entrevistas realizadas a expertos relacionados coas distintas facetas do monarca, como Henrique Monteagudo, Helena de Carlos, Eduardo Cebreiros, Carlos Núñez, Elvira Fidalgo e Francisco Prado.