----

Presentado o libro Cuerpos en rebeldía. Aproximaciones interdisciplinares

O Consello da Cultura Galega (CCG) acolleu esta mañá a presentación do libro Cuerpos en rebeldía. Aproximaciones interdisciplinares. O volume, editado por Eulalia Pérez Sedeño e publicado pola editorial Comares, reúne a autores e autoras de diferentes disciplinas para reflexionar sobre a construción da diferencia sexual en ámbitos como a biomedicina, a neurociencia, o dereito, o deporte ou as políticas públicas. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, destacou na presentación que a obra “partiu dunha actividade realizada polo Consello da Cultura Galega”, como foi a terceira edición da xornada Pensar con orgullo (2022). Xunto a ela, participaron no acto Enrique Latorre, autor dun dos capítulos do volume, e Carme Adán, coordinadora do Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF) do CCG e autora doutra das contribucións.
Presentado o libro <em>Cuerpos en rebeldía

Cuerpos en rebeldía. Aproximaciones interdisciplinares propón unha abordaxe, dende diferentes enfoques e disciplinas, de conceptos e cuestións vinculadas coa dicotomía entre o sexo e o xénero. “O título xa nos di a importancia de pensar dende o corpo, de pensar dunha forma distinta ao que ten sido o canon filosófico ata hai ben pouco”, subliñou Carme Adán no marco da presentación. O volume, que conta con nove contribucións asinadas por autores e autoras de diferentes disciplinas, “abre espazos para a reflexión, para romper as costuras do pensamento establecido e, deste xeito, facer unha concepción do mundo e da realidade máis inclusiva e máis diversa”, engadiu.

Pola súa banda, Enrique Latorre destacou que a obra “apunta a un lugar que é realmente contestatario neste momento e que ten que ver co papel que ocupa o corpo xa non só nos nosos sistemas de produción do coñecemento, senón tamén na definición das nosas identidades e do lugar que ocupamos no mundo”. Destacou, así mesmo, que “este libro chega nun momento de recuperación dunha inxustiza epistémica: o recoñecemento das voces galegas nos debates sobre as epistemoloxías feministas e os estudos de ciencia, tecnoloxía e xénero”.

Ademais de Carme Adán e Enrique Latorre, participan no volume editado por Eulalia Pérez Sedeño outros nove autores e autoras, que abordan cuestións como a incorporación das variables de xénero nos estudos médicos ou o auxe dos esencialismos no que se refire ás diferenzas cerebrais entre mulleres e homes. A conceptualización do corpo dende os espazos biométricos, o constructo psicolóxico da imaxe corporal, a posibilidade de falar dunha epistemoloxía queer ou os recentes debates arredor da lei trans e da participación no deporte de elite competitivo de persoas transexuais son aspectos sobre os que tamén se afonda no libro. Malia a pluralidade de temas tratados, todas as contribucións “teñen en común a abordaxe desde unha perspectiva crítica e desde a teoría e as epistemoloxías feministas, nas que o sistema sexo/xénero cobra unha importancia primordial”, indica a editora, Eulalia Pérez Sedeño, na súa introdución.

A maioría dos traballos que compoñen a obra foron presentados na xornada Pensar con orgullo III. Corpos en rebeldía: aproximacións interdisciplinarias, organizada pola Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega en xuño de 2022 e cuxa gravación está dispoñible para a súa consulta na hemeroteca do CCG.