----

A biografía de Francisco Pillado Mayor incorpórase ao Álbum de Galicia

Francisco Pillado Mayor (A Coruña, 1941–2021) consolidouse como un dos grandes impulsores e estudosos do teatro galego. Dramaturgo, director teatral e investigador, foi un dos fundadores da Agrupación Cultural O Facho e da Escola Dramática Galega. Ademais, desenvolveu un importante labor como escritor, tradutor e editor, malia que “a súa gran paixón e vocación” foi a música, na que sobresaíu como pianista. Así o subliña Ana Abad de Larriva na entrada que asina para o Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías que mantén o Consello da Cultura Galega (CCG).

Nado na Coruña, Francisco Pillado Mayor, “Pancho”, estudou Maxisterio na Escola de Maxisterio da súa cidade natal. Posteriormente, cursou o graduado social no Seminario de Estudos Sociais Ramón da Sagra e, a comezos dos anos oitenta, comezou a traballar como docente nesa mesma institución. En 1992 abandonou a docencia para centrarse en dirixir a editorial Laiovento, “especializada no xénero ensaístico, pero moi comprometida coa publicación de textos teatrais”, apunta Ana Abad de Larriva na súa entrada.

O teatro foi, precisamente, unha das disciplinas centrais na traxectoria de Pillado Mayor. Xunto con Manuel Lourenzo, creou a Agrupación Cultural O Facho. O grupo teatral realizou o seu primeiro espectáculo en 1965 e foi un “dos pioneiros en representar obras en galego”, continúa Ana Abad de Larriva. A autora da súa biografía tamén destaca o traballo de ambos a prol da creación dunha historiografía do teatro galego. Entre as obras que escribiron cómpre mencionar O teatro galego (1979), Antoloxía do teatro galego (1982) e Dicionário do teatro galego (1671-1985), publicada en 1987, así como a Guía das obras dramáticas de Álvaro Cunqueiro (2006). Ademais do escritor mindoniense, Pillado Mayor estudou en solitario a obra dramática de Lugrís Freire e Manuel Varela Buxán.

En 1978 involucrouse na fundación da Escola Dramática Galega, na que foi presidente da súa xunta reitora e responsable do Departamento de Estudos Teatrais. Tamén dirixiu os Cadernos da Escola Dramática Galega, publicación que serviu “de pulo a moitas autoras e autores”, ao tempo que potenciou “a produción de textos teatrais breves” e “a difusión da literatura dramática galega”, explica Ana Abad. Movido pola súa vocación docente, impartiu clases, obradoiros e conferencias sobre a historia do teatro galego.

No ámbito cultural, impulsou a posta en marcha de diferentes proxectos, como os grupos teatrais Luís Seoane (1980), Elsinor Teatro (1990) e Grupo de Teatro de Alunos da Escola de Estudos Sociais da Coruña (1990). Así mesmo, desenvolveu un importante labor divulgativo á fronte do programa radiofónico sobre cine e teatro A escena e a pantalla (Radio Coruña EAJ-41) e como crítico literario en Radio Nacional. No que atinxe á prensa escrita, colaborou con cabeceiras como La Voz de Galicia, A Nosa Terra ou El Correo Gallego.

“Aínda que el non se consideraba tradutor”, como indica Ana Abad, contribuíu de xeito notable a este campo coa “elaboración de numerosas adaptacións propias de textos teatrais procedentes doutras linguas ao galego”. O paseo de Buster Keaton, de Federico García Lorca, ou O irlandés astrólogo, de Luís Seoane, foron algunhas das moitas obras que adaptou Pillado Mayor. Así mesmo, foi editor e coordinador de volumes como A poesía e o teatro interseculares (1996), xunto con Xosé Ramón Freixeiro Mato. Con Miguel Anxo Fernán-Vello elaborou unha serie de libros de conversas, como Conversas en Compostela con Carvalho Calero (1986) ou A nación incesante. Conversas con Xosé Manuel Beiras (1989).

O compromiso social e cultural que manifestou ao longo da súa vida e, especialmente, o seu traballo a prol do teatro galego fóronlle recoñecidos a través de diferentes galardóns. En 2012 a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia concedeulle o Premio Abrente de Honra e en 2014 recibiu o Premio Ibán Toxeiro da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda.

Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país. A día de hoxe, o Álbum conta con máis de 700 entradas, das cales as máis recentes son a actualización da biografía de Luísa Villalta e a incorporación das de Ángel Rodulfo, Lino Braxe e José Baldomir.

As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.

O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do Consello da Cultura Galega, nas que desde o ano 2005 se teñen publicado álbums sobre a muller, a ciencia ou a emigración, entre outros.