----

O ciclo Revisando a nosa arte dedícalle unha xornada ao pintor Urbano Lugrís

Urbano Lugrís creou a través da súa obra un universo pictórico singular poucas veces visto na plástica galega. Ao pouco de conmemorarse o cincuenta aniversario do seu pasamento, a Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega (CCG) dedica mañá, 24 de xaneiro (17:00 horas), unha xornada do ciclo Revisando a nosa arte a profundar na súa traxectoria artística e vital. A cita desenvolverase de xeito presencial na sede institucional do CCG, pero tamén poderá seguirse en directo a través do web e as redes sociais corporativas.

A sesión, coordinada por Ramón Rozas, contará coas intervencións de tres recoñecidos profesionais de diferentes ámbitos da creación e o estudo artístico que traballaron, ao longo das súas traxectorias profesionais, coa figura de Urbano Lugrís. Abrirá a sesión o escritor Luís Rei, autor da novela O señor Lugrís e a negra sombra. Farao co relatorio “Polisón en barcos inexistentes”, no que achegará os aspectos máis relevantes da biografía do pintor. A continuación intervirá o artista visual Antón Patiño, quen coincidiu con Lugrís nos seus últimos anos de vida na cidade de Vigo, para analizar o aspecto plástico e creativo da súa pintura. Ambos os relatores participarán na mesa redonda “Urbano Lugrís. Auga e soño”, á que se sumará Rosario Sarmiento, xestora cultural e comisaria, xunto con Patiño, da primeira grande exposición que reivindicou o legado do pintor coruñés tras anos de esquecemento e que foi inaugurada en 1997 no Círculo de Bellas Artes de Madrid.

A figura de Urbano Lugrís
Urbano Lugrís (A Coruña, 1908 - Vigo, 1973) estivo en contacto co mundo da arte e a cultura dende neno. O seu pai, Manuel Lugrís, foi un destacado escritor, activista galeguista e un dos membros fundadores da Real Academia Galega, e a súa nai, Pura González Varela, unha recoñecida pianista e docente na Escola Normal de Maxisterio da Coruña. Malia comezar os estudos de Perito Mercantil na súa cidade natal, decidiu abandonalos para trasladarse a Madrid no ano 1930.

Pintor case autodidacta, creou unha obra que envolve e traslada a quen a contempla a un universo onírico xerado dende a propia imaxinación do autor, mais tamén dende a potenciación de lendas e paisaxes. Así mesmo, retratou nos seus lenzos espazos interiores cheos de obxectos que contribúen a orixinar unha atmosfera que se move entre o desacougo e a expectativa. A predominancia de imaxes engaiolantes e o poder de evocación son dúas das constantes na pintura de Urbano Lugrís, unha pintura coa que buscou artellar unha realidade paralela á da nosa sociedade.

Revisando a nosa arte
A Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas puxo en marcha en marzo de 2022 Revisando a nosa arte, un ciclo que pretende achegarse ás figuras máis representativas das artes visuais de comezos do século XX. Isto implica afondar no Movemento Renovador da pintura galega que iniciou Castelao, proseguiu Carlos Maside e secundaron Arturo Souto, Laxeiro ou Manuel Colmeiro, e que se enriqueceu nas décadas seguintes con novas poéticas e tendencias. Estas xornadas tratan de poñer en valor e reinterpretar as obras destes e doutros artistas, a súa produción e as súas traxectorias. O ciclo comezou cunha análise da figura de Carlos Maside e continuou coas de Laxeiro, Maruja Mallo, Arturo Souto, Julia Minguillón, María Antonia Dans, Guillermo Monroy, Mon Vasco, Luis Borrajo, Alberto Datas, Xaquín Marín e Reimundo Patiño, Paco Pestana e Rafael Baixeras.

Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas
Esta xornada insírese dentro da liña de traballo de observación da realidade do sistema artístico actual que mantén a Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega. A Sección está coordinada por Manuel Quintana Martelo e ten como membros a Paula Cabaleiro, Carmen Díaz Cacheda, Miguel Fernández-Cid, Jesús Pastor, María Asunción Rodríguez, Luis Rosón, Ramón Rozas, Sofía Santos, Rosario Sarmiento, Manuel Vilariño e Lucila Yáñez.