----

Mar García Puig fala das confluencias entre literatura e saúde mental no ciclo Pensarmos

O ciclo de reflexión e debate Pensarmos, promovido pola Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega (CCG), organiza mañá, 25 de xaneiro (18:00 horas), unha nova sesión. Desta volta, a convidada é a editora, escritora e exdeputada Mar García Puig, quen achegará a súa propia experiencia persoal para falar de saúde mental e do poder que ten a cultura como terapia. A cita está coordinada por Celia Pereira Porto e desenvolverase de xeito presencial na sede do CCG, aínda que tamén se poderá seguir en directo a través do sitio web e as redes sociais corporativas.

“Loucura e literatura: confluencias entre saúde mental, cultura e creación” é o título do relatorio co que Mar García Puig participa no ciclo Pensarmos. Como é propio deste ciclo, a súa intervención desenvolverase en formato dialogado cunha persoa especialista na materia. Nesta ocasión, conducirá a conversa o psicólogo e profesor Ricardo Fandiño Pascual.

Os participantes
Mar García Puig é editora de profesión e, a nivel formativo, conta cunha licenciatura en Filoloxía Inglesa e un mestrado en Lingüística. Durante oito anos foi deputada no Congreso dos Deputados, onde exerceu a portavocía da Comisión de Cultura e a vicepresidencia da Comisión de Igualdade. É autora da obra La historia de los vertebrados (Random House, 2023) e colaborou nos volumes colectivos LGTBI. Claus bàsiques (Sembra Llibres, 2020), Neorrancios. Sobre los peligros de la nostalgia (Península, 2022) e Más que visibles (Egales, 2022). Ademais, publicou en cabeceiras como El País, La Vanguardia, El Periódico, El Diario ou Público, e conta cunha sección no programa Les dones i els dies de Catalunya Ràdio.

Ricardo Fandiño Pascual é doutor pola Universidade de Vigo, psicólogo clínico e profesor asociado do Departamento de Psicoloxía Evolutiva e da Educación da Universidade de Santiago de Compostela. É coordinador xeral da Asociación para a Saúde Emocional na Infancia e na Adolescencia (ASEIA), psicoterapeuta acreditado pola Federación Española de Asociaciones de Psicoterapeutas (FEAP) e membro da Xunta de Goberno do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia. É coautor dos libros La lucha sexual de los adolescentes en la hipermodernidad (2018) e Ser adolescente: ¿transición o destino? (2021), publicados pola Editorial UOC.

Pensarmos
En xaneiro de 2019 a Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega puxo a andar o ciclo Pensarmos, unha proposta de charlas, debates e intercambio de ideas coa que se busca abordar os problemas da actualidade. A posverdade, os fascismos dixitais, as tecnopersoas, a precarización da vida, a perda de liberdades, a deterioración medioambiental ou o poshumanismo foron algunhas das temáticas que se trataron no marco deste foro, polo que pasaron xa máis dunha vintena de conferenciantes como, por exemplo, Sarah Babiker, Xosé Ramón Veiga Alonso, María Xosé Porteiro, Joaquín Urías ou Maggy Barrère, por citar algúns dos máis recentes. Todas as intervencións están gravadas e, salvo desexo expreso dos autores, pódense consultar a través do sitio web institucional ou na súa canle de YouTube.

Sección de Pensamento
Esta cita está organizada pola Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega, coordinada por Celia Pereira Porto e que ten como membros a Mariló Candedo Gunturiz, Francisco Castro Veloso, Francisco Xosé Fernández Naval, Ana Isabel García Arias, Nieves Herrero, Xoán Antonio Pérez Lema e Juan Tallón.
Ademais do ciclo Pensarmos, a Sección organiza periodicamente outras actividades, entre as que destaca a revisión de figuras relevantes no mundo do pensamento e a análise da conexión que tiveron con Galicia persoeiros como Martin Heidegger, Simone Weil, Albert Camus, Hannah Arendt ou Karl Marx.