----

A presidenta inaugura en Barcelona a mostra Afonso X e Galicia

O proxecto expositivo Afonso X e Galicia, producido polo Consello da Cultura Galega (CCG) coa colaboración da Xunta de Galicia e a Deputación de Ourense, recala no Edifici Històric da Universitat de Barcelona (UB). A presidenta do CCG, Rosario Álvarez; o reitor da UB, Joan Guàrdia; o vicedecano de Investigación e Relacións Internacionais da Facultade de Filoloxía e Comunicación da UB, Josep Solervicens, e o comisario da exposición, Antoni Rossell, inauguraron a mostra nun acto que contou tamén coa actuación do grupo de gaitas da Asociación Cultural Galega Rosalía de Castro de Cornellà. Ao remate, Antoni Rossell e Luciano Pérez, do Centro de Artesanía e Deseño (CENTRAD), realizaron unha visita guiada á exposición, que permanecerá aberta ata o próximo 22 de febreiro.
A presidenta inaugura en Barcelona a mostra <em>Afonso X e Galicia</em>

En 2021 fixéronse 800 anos do nacemento de Afonso X, unha efeméride que o Consello da Cultura Galega conmemorou coa inauguración dunha mostra dedicada a explorar as conexións do Rei Sabio con Galicia. Tras abrir as súas portas en Santiago de Compostela, a exposición comezou un programa de itinerancias nacionais e internacionais por cidades como Lugo, Ourense, Cracovia e Roma ou, máis recentemente, Bratislava (Eslovaquia), Perugia (Italia) e Río de Xaneiro (O Brasil). Na actualidade, pode visitarse en Nitra (Eslovaquia), Boloña (Italia) e, dende onte, tamén en Barcelona.

A exposición na Cidade Condal vai acompañada dun amplo programa de actividades, entre as que se inclúen concertos, presentacións de libros e conferencias a cargo de expertos vinculados á UB e á Universitat Autònoma de Barcelona (UAB), así como a universidades do Algarve (Portugal) e do estado de Santa Catarina (Brasil).

A exposición
A mostra está comisariada por Antoni Rossell (UAB) e busca dar a coñecer a relación con Galicia de Afonso X, unha relación que está amplamente documentada e que inclúe tanto a propia infancia do monarca como os contenciosos co cabido compostelán ou o contacto que mantivo cos trobadores galegos da época. Esta faceta vital do Rei Sabio, a súa actividade política e familiar e os seus conflitos conforman o primeiro dos bloques temáticos da exposición. A continuación, preséntase o seu labor científico, histórico e cultural, cunha relación das obras e traducións do scriptorium afonsino. O seguinte espazo está dedicado á música do medievo e conta cunha exposición de réplicas de instrumentos dos séculos XII e XIII, como o organistro, a zanfona ou a rota. Nel cobran un especial protagonismo as Cantigas de Santa María, obra cimeira de Afonso X, da que se realiza unha escolma que se presenta simultaneamente en seis pantallas. Tamén se ilustra graficamente como era a vida cotiá do monarca e a sociedade da Idade Media por medio dunha compilación de imaxes extraídas do Códice Rico. O último bloque está reservado á presentación de elementos patrimoniais de diferente índole (pezas de museo, iconografía relixiosa, edificios e documentación), relacionados cronoloxicamente con Afonso X e conservados en todo o territorio galego.

En total, a mostra componse de seis espazos e unha sala central que permiten realizar un percorrido flexible e multidisciplinario pola figura de Afonso X a partir de documentos e testemuños arqueolóxicos, literarios e musicais. Ademais, conta con diferentes niveis de lectura, posto que xunto cos paneis e as proxeccións se instalaron unha serie de códigos QR que remiten a un sitio web no que se aloxan textos recitados, audios e outro tipo de contidos ampliados.