----

A entrada de Francisco Javier Río Barja incorpórase ao Álbum de Galicia

Francisco Javier Río Barja (Lugo, 1919 – Santa Cruz de Tenerife, 2011) consolidouse como unha figura sobranceira da investigación e da didáctica da xeografía galega, disciplina á que dedicou toda a súa vida. Estivo vinculado ao Consello da Cultura Galega (CCG) como membro do seu Plenario entre 1983 e 2011, período en que ocupou tamén unha cadeira como académico numerario da Real Academia Galega. Asina a súa entrada no Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías que mantén o CCG, Xosé Ramón Fandiño.

Nado en Lugo, Francisco Javier Río Barja manifestou unha vocación pola xeografía desde que era novo. Cursou os estudos de Filosofía e Letras e, unha vez titulado, empezou a dar clase nun colexio de Viveiro. Posteriormente, regresou a Santiago de Compostela para incorporarse como profesor adxunto de Xeografía na universidade. Como docente, Río Barja buscaba afastarse da “enumeración de lagos e ríos, de cabos e golfos, de países e cidades pechadas en si mesmas” para estudar “os fenómenos xeográficos como froito da interacción de factores moi diversos ao longo da historia e como resultado da dialéctica natureza/home a través do tempo”, subliña Xosé Ramón Fandiño.

En 1953, impulsado por Ramón Otero Pedrayo ―que regresara ás aulas como catedrático de Xeografía da Universidade de Santiago de Compostela (USC) tres anos antes―, doutorouse en Madrid. Nesta época “entrou en contacto coa escola rexionalista francesa de Vidal de la Blanche, que preconizaba o estudo das individualidades xeográficas”, apunta Fandiño na súa entrada. Nela chama a atención sobre o labor de investigación de Río Barja, en especial sobre os seus estudos arredor das comarcas naturais do val da Maía e a Terra Chá, que foron publicados na Revista de Economía de Galicia. Ademais, desde a USC, dirixiu traballos e memorias de licenciatura “sobre temas fundamentais de economía galega” que foron difundidos na mesma cabeceira.

Ante a falta de perspectivas de consolidarse profesionalmente, Río Barja decidiu opositar e en 1954 conseguiu unha praza como catedrático de Xeografía e Historia da Escola Universitaria de Formación do Profesorado de EXB, institución da que anos despois foi director (1975-1984). Esta actividade resultoulle “tremendamente gratificante”, apunta Fandiño, pois “segundo as súas propias palabras, atopou o que buscaba: formar futuros formadores e poder aplicar a didáctica da xeografía activa que a el tanto lle gorentaba”. Tamén foi profesor da antiga Escola de Mestría Industrial e impartiu cursos destinados aos mestres e mestras de EXB, nos que procuraba “que a xeografía pasase de ser un esforzo memorístico a converterse nun estudo de dedución e de descuberta do entorno”, continúa Fandiño.

Autor dunha ampla obra, realizou estudos vinculados con diversas disciplinas da xeografía física, humana e descritiva. Cómpre destacar os artigos que escribiu en cabeceiras como a xa citada Revista de Economía de Galicia, o Boletín de la Universidad Compostelana ou a Revista de la Universidad de Madrid, así como os seus libros Bibliografía de xeografía económica de Galicia (1960), Didáctica da Xeografía (1981) e Galicia, esa descoñecida (1999). En 1999 realizou a serie documental Xeografía galega, producida pola Televisión de Galicia coa colaboración do CCG, na que Río Barja percorría as rexións naturais de Galicia e da que se poden ver algúns episodios nos materiais incluídos na súa entrada do Álbum de Galicia.

Entre os postos que ocupou, foi membro correspondente da Real Academia Galega (1962) e, posteriormente, académico numerario (1983). Tamén estivo vencellado ao Consello da Cultura Galega, primeiro como membro representativo do Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento no Plenario (1983–1996) e despois como membro electivo (1996–2011). Ademais, dirixiu o Instituto de Estudos Galegos (1981–1994) e a sección de xeografía da Gran Enciclopedia Gallega.

Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país. A día de hoxe, o Álbum conta con máis de 700 entradas, das cales as máis recentes son as de Elisa Díaz Riva, Francisco Pillado Mayor e Ángel Rodulfo, e unha actualización da biografía de Luísa Villalta.

As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.

O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do Consello da Cultura Galega, nas que desde o ano 2005 se teñen publicado álbums sobre a muller, a ciencia ou a emigración, entre outros.