NOTICIA

----

Marcelino Maneiro escolma unha ducia de vídeos sobre química no novo especial Proxector de autor

“Escolma para ver e escoitar química” é o título do novo especial Proxector de autor, no que é unha persoa especialista do tema quen se encarga de facer a selección dos vídeos. Nesta entrega, Marcelino Maneiro Maneiro, profesor de Química Inorgánica da Universidade de Santiago de Compostela (USC), escolma doce recursos audiovisuais sobre a presenza e implicacións que ten a química nos procesos que rodean a vida cotiá das persoas. Proxector é unha iniciativa que desenvolve o Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) do Consello da Cultura Galega (CCG) en colaboración coa USC.

“A química está en todo, abrangue moitas áreas de coñecemento”, indica Marcelino Maneiro ao comezo do especial. No ámbito da saúde, o organismo dos seres animados mantense vivo grazas a unha serie de reaccións químicas controladas, como a respiración celular ou a contracción muscular. No eido da farmacoloxía, empréganse algúns elementos químicos, como o ouro, con fins terapéuticos. Porén, a química está tamén presente noutras disciplinas alén daquelas vinculadas coa medicina e a bioloxía. É o caso, por exemplo, das enerxías renovables, nas que esta ciencia busca “dar resposta a algúns dos retos actuais da humanidade”, explica Maneiro.

Na súa selección de vídeos, inclúese unha peza sobre a traxectoria vital e as investigacións realizadas por Ignacio Ribas Marqués. O científico, a través das súas pescudas, obtivo produtos naturais a partir de especies vexetais autóctonas, polo que foi considerado o impulsor da química orgánica en Galicia. Xunto con Ribas Marqués, o especial presta tamén atención á figura de Marie Curie e ao seu descubrimento do radio en 1898, un logro que compartiu co seu marido, Pierre Curie.

A importancia das reaccións químicas controladas que se producen nos corpos dos seres humanos, animais e vexetais é outro dos eixes temáticos que se abordan neste novo especial de Proxector de autor. Así, en “Cinco reaccións bioquímicas que te manteñen con vida”, Carmela Cela afonda en como funciona a respiración celular, a fotosíntese, a transmisión dos impulsos nerviosos, a contracción muscular ou o metabolismo. Pola súa banda, en “O saturnismo”, as alumnas do IES Plurilingüe Adormideiras (A Coruña) Irene e Raquel González Calvo achéganse a esta enfermidade causada polo chumbo, que provoca afeccións no sistema nervioso e danos neurolóxicos irreversibles. Ao contrario do que sucede con este elemento químico, o ouro ten propiedades terapéuticas que fan que o metal sexa empregado no ámbito farmacolóxico para tratar determinadas doenzas. En “O ouro… só nas xoias?”, Lara Rouco Méndez, doutoranda na Facultade de Ciencias da USC, realiza un percorrido histórico polos usos do ouro con estes propósitos. Detense, especialmente, no ano 1972, momento en que se descubre a auranofina, un complexo de ouro que funciona como antiartrítico e que se revelou tamén de utilidade para o tratamento doutras enfermidades, como a sida, o cancro ou a covid-19.

“A experimentalidade constitúe a cerna da química”, subliña Marcelino Maneiro no especial, pois nesta disciplina “o coñecemento constrúese a partir do traballo no laboratorio”. Por este motivo, na súa escolma incorporou dúas pezas audiovisuais nas que se explican a técnica de destilación por arrastre de vapor e o procedemento de extracción de cafeína a partir de grans enteiros de café. Así mesmo, incluíu varios recursos audiovisuais para pór de manifesto como algúns procesos químicos poden resultar de utilidade na produción de fontes de enerxía sostibles e respectuosas co medio. En concreto, abórdase como se pode obter hidróxeno a partir da fotosíntese artificial, que busca imitar o proceso natural das plantas, e da electrólise da auga ou como é posible crear combustibles a partir do dióxido de carbono que hai na atmosfera e do uso do ácido fórmico para almacenar a enerxía.

Completan a nova entrega deste Proxector de autor a peza “Que che ensinou a química?”, arredor das múltiples áreas de coñecemento que abrangue esta ciencia, e outro recurso audiovisual no que se define que é a isomería espacial e os dous tipos de isomerías que existen.

O proxecto
Proxector: audiovisuais en galego para a docencia é un espazo web dedicado a recompilar, clasificar e difundir recursos audiovisuais que sirvan de apoio á docencia en lingua galega de diversas materias de bacharelato e de ensino universitario.

O proxecto orixinal foi deseñado polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela e botou a andar no ano 2015 no portal educativo Didactalia. En 2018 o CCG, a través do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG), sumouse á iniciativa e comezou a participar de xeito activo tanto na súa coordinación como na edición de contidos. Cumprindo coas competencias que lle son propias no eido da preservación e difusión do idioma galego, o CCG acordou asumir tamén a custodia dos datos recompilados ao longo destes anos e que, a partir de agora, estarán ao dispor da cidadanía no sitio web institucional.

Os vídeos están clasificados segundo a súa temática, o idioma no que foron gravados ou subtitulados e o nivel de ensino no que se considera que poden ser empregados. A maiores, ofrécese unha ficha descritiva coa información básica de cada recurso. Pódese acceder aos contidos a través da busca libre ou dos diferentes despregables, que permiten filtrar os resultados segundo os criterios de clasificación antes citados. Neste mes incorporou o deporte como nova área temática.