----

O fotógrafo e cineasta José Gil Gil entra no Álbum de Galicia

José Gil Gil (Barxa, As Neves, 1870 – Vigo, 1937) acadou un gran prestixio como fotógrafo grazas, sobre todo, aos seus retratos de estudio, aínda que destacan tamén as reportaxes gráficas que realizou para diferentes revistas e xornais. Xunto coa fotografía, converteuse nun dos pioneiros do cine galego, profesión á que se dedicou con intensidade a partir da segunda década do século XX e que se concretou na produción de máis de cento cincuenta cintas audiovisuais. A súa entrada no Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías que mantén o Consello da Cultura Galega (CCG), é autoría de Vítor Vaqueiro.

Nado en Barxa, un pequeno lugar do concello pontevedrés das Neves, José Gil Gil dedicou a meirande parte da súa traxectoria profesional á fotografía. Deu os seus primeiros pasos nesta disciplina no ano 1896, cando documentou coa súa cámara a temporada de verán do balneario de Mondariz baixo a marca comercial La Afición Artística. Tres anos despois instalouse en Ourense, onde constituíu unha sociedade co portugués Jaime Pacheco que se disolveu poucos meses despois “quer por desavinzas entre ambos os fotógrafos, quer porque Ourense afogaba existencialmente a Jaime”, explica Vítor Vaqueiro na súa biografía.

A comezos do século XX José Gil xa se consolidara como un profesional de prestixio, pois fotografara a “personaxes de renome, como a escritora Emilia Pardo Bazán”, continúa o autor da súa entrada. Nesta época comezou tamén a colaborar con diversas cabeceiras, tanto galegas como españolas, para as que realizou labores fóra do seu estudio fotográfico. Cómpre destacar a reportaxe que publicou no xornal ABC sobre a visita da infanta Isabel a Galicia no ano 1906. “Esta actividade non lle impediu seguir a exercitar o retrato de estudio co que obterá notábel suceso”, subliña Vítor Vaqueiro, un éxito do que dá conta a medalla de bronce que obtivo nun certame de Reus e a de ouro que conseguiu en París. Ademais, competiu cos seus retratos noutros certames europeos (Oslo ou Bruxelas) e estatais (Bilbao, Madrid...).

En 1904 decidiu expandir o seu negocio e instalar un gabinete de fotografía en Vigo, que abriu as súas portas ao ano seguinte. Nesta altura José Gil xa non só buscaba mellorar a técnica, senón tamén diversificar os métodos e soportes de impresión (metal, cerámica, veludo, vidro...). En 1909 o seu estudio contaba cun “amplo conxunto de expertos como laboratoristas, retocadores, auxiliares e oficiais de galería e mesmo unha peiteadora a tempo enteiro”, indica Vítor Vaqueiro. Era “un lugar de referencia” tanto polos “medios técnicos de produción de fotografías” como pola “comodidade e luxo dos seus salóns”, prosegue.

Ademais, 1909 foi tamén o ano en que comezou a publicarse a revista Vida Gallega, dirixida por Jaime Solá e da que Gil era redactor e responsable da dirección artística. A cabeceira tiña un marcado carácter gráfico e o seu fin era “presentar ‘en formas plásticas’ a vida de Galicia”, para o que buscaba a colaboración de fotógrafos profesionais e afeccionados. As reportaxes gráficas asinadas por Gil en diferentes exemplares publicados ao longo dese ano permiten “coñecer, entre outras, as imaxes correspondentes ás dificultades económicas padecidas pola familia de Curros Enríquez, o banquete de confraternización galego-portugués, a biblioteca viguesa García Barbón e a documentación do enterro deste magnate”, explica Vaqueiro. Así mesmo, cómpre destacar a súa reportaxe fotográfica sobre a Exposición Rexional Galega de Santiago de Compostela (1909), á que el mesmo concorreu cunha instalación de imaxes de estudio que lle valeron para alzarse cunha medalla de ouro. A crónica gráfica inclúese entre os materiais complementarios da súa entrada do Álbum de Galicia, na que tamén se pode consultar a reportaxe Galicia ante el turismo, que elaborou xunto con Chicharro, Rey, Franco, Fotografía Madrileña e Cuenca en 1910.

A partir da segunda década do século XX, José Gil dedicouse á produción fílmica e, dende ese momento, só realizou traballos fotográficos de xeito ocasional.

Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país. A día de hoxe, o Álbum conta con máis de 700 entradas, das cales as máis recentes son as de Francisco Javier Río Barja, Elisa Díaz Riva e Francisco Pillado Mayor, e unha actualización da biografía de Luísa Villalta.

As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.

O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do Consello da Cultura Galega, nas que desde o ano 2005 se teñen publicado álbums sobre a muller, a ciencia ou a emigración, entre outros.