----

Fernanda Tabarés e Joana Bonet falan de xornalismo e empoderamento feminino no ciclo EscriturAs

“Xornalismo con perspectiva” é o título da nova sesión do ciclo EscriturAs, organizado polo Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF) do Consello da Cultura Galega (CCG). Nesta ocasión, Fernanda Tabarés e Joana Bonet debaterán arredor de se o xornalismo é un ámbito propicio para a loita feminista. A cita terá lugar mañá, 8 de febreiro, ás 18:00 horas, na Casa das Campás (Pontevedra). A sesión, coordinada por Inmaculada López Silva e Rexina Rodríguez Vega, é presencial e non se poderá seguir en directo, pero será gravada e subida posteriormente á hemeroteca do CCG.

A segunda sesión do ciclo EscriturAs ten como protagonistas a Fernanda Tabarés, xornalista e directora de Voz Audiovisual, e mais a Joana Bonet, escritora, articulista e directora do canal Magazine do diario La Vanguardia. As convidadas reflexionarán sobre a capacidade que ten o xornalismo para xerar debates e poñer o foco no empoderamento das mulleres, tanto das lectoras como daquelas que se dedican á profesión periodística. Tamén debaterán arredor da posibilidade de cambiar a ortodoxia heteropatriarcal desde as chamadas “revistas para mulleres”. A sesión desenvolverase en formato dialogado e estará moderada por Sara Carreira, da asociación Xornalistas Galegas.

O ciclo EscriturAs
A renovación estética, a diversificación dos discursos ou o anovamento dos pensares experimentados nos discursos artísticos, xornalísticos e intelectuais durante os últimos anos só se poden explicar desde a aceptación da responsabilidade das mulleres intelectuais no xiro discursivo. Con EscriturAs, o CDIF busca abrir un espazo de reflexión e crítica arredor destes cambios, mais dando voz a esa perspectiva feminina e feminista que activa e cuestiona o campo cultural desde unha posición sempre heterodoxa. O ciclo propón xuntar as voces de mulleres creadoras (só) aparentemente diferentes co fin de que debatan, reflexionen e cuestionen o mundo cultural no que cada unha delas se move. A primeira sesión, que tivo lugar na sede do Consello da Cultura Galega en marzo do pasado ano, xuntou a Marilar Aleixandre e Laura Fernández para falar da posibilidade de acadar o éxito desde a disidencia.

O Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos
A cita está organizada polo Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos do Consello da Cultura Galega, coordinado por Carme Adán Villamarín e que ten como membros a Luz Darriba, Montse Fajardo Pérez, Inma López Silva, Cristina López Villar, Mariám Mariño Costales, Luzia Oca González, María Dolores Pereira Oliveira, Ana Belén Puñal Rama e Rexina Rodríguez Vega. Entre as actividades que desenvolve, o CDIF é o responsable do Álbum de Mulleres, destinado a dar visibilidade e facilitar o acceso á información, imaxes, escritas, traballos e traxectorias de mulleres galegas ou relacionadas con Galicia.