----

A mostra Luces de alén mar chega á Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela

A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, e Mar Lorenzo, decana da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela (USC), inauguraron na sede que a facultade ten no Campus Vida a mostra expositiva Luces de alén mar. As escolas de americanos en Galicia. O acto tivo lugar na mañá deste xoves, 8 de febreiro (12:00 horas), e nel participou tamén o comisario da mostra, Vicente Peña Saavedra. A exposición, que documenta o importante labor educativo desenvolto pola emigración galega nas súas parroquias natais, permanecerá aberta ata o próximo 29 de febreiro.
A mostra <em>Luces de alén mar</em> chega á Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela

Luces de alén mar. As escolas de americanos en Galicia é un proxecto promovido polo Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega (CCG) coa colaboración da Secretaría Xeral da Emigración da Xunta de Galicia. A mostra inaugurouse no ano 2012 para conmemorar o centenario fundacional das sociedades galegas de instrución radicadas en América, e dende ese momento iniciouse un programa de itinerancias por diferentes cidades e concellos de Galicia. Despois de expoñerse en Santiago de Compostela e Santaballa (Vilalba), a exposición recala de novo na capital galega, onde poderá visitarse ata finais de febreiro na Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela (Campus Vida).

Comisariada por Vicente Peña Saavedra, a mostra dá a coñecer o labor filantrópico daquelas asociacións de emigrantes galegos e galegas que financiaron a creación de centros escolares nos seus lugares de orixe. Os preto de 250 colexios que se construíron exemplifican a importancia que tivo o fenómeno migratorio para o pobo galego, pois grazas a estas iniciativas impulsadas dende alén mar contribuíuse ao progreso educativo e cultural de Galicia e dos seus habitantes. Os centros escolares, levantados durante as décadas finais do século XIX e no primeiro terzo do século XX, supoñen tamén unha mostra da vontade renovadora dos seus impulsores, unha vontade que se reflectiu tanto nos edificios que se erixiron como nos idearios pedagóxicos, nos materiais de ensinanza e nas metodoloxías didácticas que nelas se empregaron.

A exposición está estruturada en quince bloques temáticos nos que se documenta, así mesmo, o inicio do proceso migratorio cara a América, a xénese do movemento asociacionista e o labor pioneiro dos indianos galegos a prol da instrución educativa. Ademais, explícase como era a situación do ensino na Galicia da época. O proxecto expositivo conta cun catálogo, que está dispoñible para a súa consulta no sitio web do CCG.