----

O Álbum de Galicia incorpora a biografía da actriz Fely Manzano

Fely Manzano (Ourense, 1942 – Madrid, 2017) desenvolveu a súa traxectoria profesional como actriz de teatro e audiovisual. Intérprete pioneira, formou parte do elenco de diferentes series galegas, así como de ficcións televisivas producidas a nivel estatal. Ademais, participou en numerosas curtametraxes e películas, fixo anuncios publicitarios e foi actriz de dobraxe. A súa entrada no Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías que mantén o Consello da Cultura Galega (CCG), é da autoría de Ana Abad de Larriva.

Fely Manzano no Álbum de Galicia

Nada en Ourense, Felisa Manzano Conde, máis coñecida como Fely Manzano, comezou a saír a escena desde que era pequena. O seu pai traballaba de operador de cine e tremoia e “cando viñan as compañías de Madrid e precisaban algunha nena ou neno para facer intervencións nalgunha obra de teatro ou zarzuela, ía ela”, explica Ana Abad de Larriva na súa entrada. Posteriormente, trasladouse á Coruña, onde estudou no Conservatorio Profesional de Música e Declamación. Completou a súa formación con cursos de cabaré, de ortofonía e dicción, así como de interpretación, e titulouse como actriz de dobraxe na Asociación de Actores de Dobraxe de Galicia.

No eido teatral, Fely Manzano participou na montaxe que o grupo Imperio e o Teatro Español Universitario (TEU) de Marineda fixeron da obra El embrujado, de Ramón María del Valle-Inclán, en 1962. Ademais, actuou en pezas como El zoo de cristal (1962), Sonata de espectros (1966) ou Historias para ser contadas (1967). Tras a creación no ano 1984 do Centro Dramático Galego, interveu nas montaxes de As tres irmás (1987), Espectros (1988) e A casa dos afogados (1991). Traballou tamén para compañías privadas como Círculo Lírico Calderón (La verbena de la paloma, 2001), Caramuxa (La corte de Faraón e Luz de gas, 2003) e Andrómena Teatro (A porta pechada, 2006), nas que, ademais de actuar, desenvolveu o labor de axudante de dirección.

“Fely foi unha actriz pioneira do audiovisual galego, medio ao que deu o salto no ano 1988, co arranque das ficcións da Televisión de Galicia”, subliña a autora da súa biografía. Servicio de urxencias, Pratos combinados, Mareas vivas ou A vida por diante foron algunhas das series galegas para as que actuou. A nivel estatal, tivo papeis en El oro y el barro, La Mari e El comisario.

“Outro dos formatos audiovisuais nos que desenvolveu a súa carreira actoral foron as curtametraxes, coas que Fely conformou unha longa filmografía e que lle permitiron, como ela mesma expresaba, facer papeis que non puidera facer nas series”, continúa Ana Abad de Larriva. Algúns dos títulos en que participou, como Coruña imposible, de Paco Rañal (1995), ou O reflexo da lembranza (2007), de Roberto Rego, pódense ver nos materiais que se inclúen na súa entrada do Álbum de Galicia. Xunto coas series e as curtametraxes, actuou tamén en varias películas, entre as que cómpre mencionar Urxa (1989), A los que aman (1988) e A lingua das bolboretas (1999).

A extensa e prolífica traxectoria profesional de Fely Manzano foi recoñecida en 2015 co Premio Mestre Mateo de Honra da Academia Galega do Audiovisual e mais co premio honorífico a toda unha carreira da Mostra de Curtas Vila de Noia. Nese mesmo ano, recibiu o galardón á mellor actriz na sección nacional do Festival de Santurtzi polo seu traballo na curtametraxe Teatro. Antes foi premiada no Festival de Cine y Vídeo de San Telmo (2004) e no Nasicae Short Movie Festival (2012) polos seus papeis nas curtas As muxicas e Dulce, respectivamente.

Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país. A día de hoxe, o Álbum conta con máis de 700 entradas, das cales as máis recentes son as de José Gil Gil, Francisco Javier Río Barja, Elisa Díaz Riva e Francisco Pillado Mayor.

As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por persoas expertas e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.

O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do Consello da Cultura Galega, nas que desde o ano 2005 se publicaron álbums sobre a muller, a ciencia ou a emigración, entre outros.