----

As emerxentes leis de dereitos culturais analízanse mañá nunha xornada en Padrón

Os dereitos culturais. Un novo paradigma para a cultura que vén é o título da xornada que terá lugar mañá, 29 de febreiro, ás 10:00 horas, na Casa Museo Rosalía de Castro (Padrón). A cita, organizada pola Comisión Técnica Temporal de Xestión e Políticas Culturais do Consello da Cultura Galega (CCG) e coordinada por Alberto de Boiro, ten como obxectivo analizar as últimas leis aprobadas en materia de dereitos culturais. A sesión non se emitirá en directo, pero será gravada e subida posteriormente á hemeroteca do CCG.

En 2019 Navarra aprobou a súa lei de dereitos culturais. Converteuse na pioneira do Estado español, e dende entón outros territorios como Andalucía, Madrid e Aragón lexislaron a este respecto. Canarias promulgou a lei do seu sistema público de cultura en 2023 e foi, ata o momento, a última comunidade autónoma en facelo.

A aprobación destas leis amosa o interese que existe por mudar o paradigma da cultura no que se levaba décadas instalado, que deu un resultado desigual, por outro no que se priorice a cidadanía e os seus dereitos. A nova lexislación busca, deste xeito, establecer un conxunto de regras para o novo paradigma que definirá a xestión e as políticas culturais durante a próxima década.

Na xornada Os dereitos culturais. Un novo paradigma para a cultura que vén, xestores e persoas expertas en políticas e dereitos culturais analizarán a normativa recente, ao tempo que ofrecerán as chaves que serán necesarias para traballar no sector cultural nos vindeiros anos.

O programa
Abrirá a cita a directora xeral de Dereitos Culturais do Ministerio de Cultura, Jazmín Beirak, cunha intervención titulada “Un novo paradigma para a cultura que vén”. A continuación, Diego Garulo, xestor cultural e vogal de Procura - Asociación de Profesionales de la Cultura de Aragón, analizará a relación entre políticas e dereitos culturais. Os dous relatores participarán posteriormente nun coloquio ao que se sumará Alberto de Boiro, xestor cultural e coordinador da xornada.

A actividade proseguirá cunha visita á Casa Museo Rosalía de Castro guiada polo presidente da fundación que a xestiona, Anxo Angueira. Ao seu remate, retomarase a sesión co relatorio “Leis autonómicas de dereitos culturais”, a cargo de Tony Murphy, experto en políticas culturais e coordinador do grupo redactor da Lei do sistema público de cultura de Canarias (2023).
A xornada concluirá cun coloquio no que, ademais do propio Tony Murphy, participarán Ania González, avogada experta en dereito da cultura, e Mercedes Queixas, deputada no Parlamento galego e impulsora da lei galega de dereitos culturais.

A Comisión Técnica Temporal de Xestión e Políticas Culturais
A xornada enmárcase na liña de actividades da Comisión Técnica Temporal de Xestión e Políticas Culturais do Consello da Cultura Galega. Coordinada por Cristina Domínguez Dapena, a comisión ten como membros a Xavier Campos, Marián Fernández, Alberto de Boiro, Sergio Lago, Encarna Lago, Agar Ledo, Marcos Lorenzo Gallego, Roberto Pascual e Belén Pichel.