----

O Consello da Cultura Galega publica os fondos da "Unión Barcalesa"

O Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega fixo pública a dixitalización de gran parte dos fondos documentais da Sociedad de Instrucción Unión Barcalesa, unha entidade fundada en 1907 que reunía os emigrantes do Val de Barcala (Negreira e A Baña) en Cuba. Os fondos permiten consultar documentos sobre o funcionamento da entidade entre 1907 e o ano 2004.

O Arquivo da Emigración Galega fixo pública a dixitalización dunha boa parte dos fondos da vida orgánica da Sociedade de Instrución Unión Barcalesa, nacida na Habana en 1907 co obxectivo de fundar escolas na súa terra natal. A entidade construíu e financiou ao longo da súa vida catro escolas: Covas (1921), Aro (1926), a Casa-Escola de Broño (1969) en Negreira, e a Casa-Escola de Seoane (1932). Boa parte dese proceso e o resto das accións da entidade recóllense nos libros de actas das xuntas directivas, das asembleas de socios, da caixa económica, do panteón e na correspondencia recibida. O acceso a estes fondos é libre e aberto no web do Consello da Cultura Galega.

A dixitalización permite comprobar a implicación da sociedade na educación de alumnos de clase baixa, pero tamén con diversos proxectos de modernización dos equipamentos e da estrutura agraria do Val de Barcala, como a iniciativa de creación dun ferrocarril entre Bergantiños e Santiago de Compostela ou as campañas pola redención de foros.

O programa "Memoria documental das sociedades da emigración galega"
A dixitalización dos fondos da Unión Barcalesa é parte do programa "Memoria documental das sociedades da emigración galega", unha iniciativa do Arquivo da Emigración Galega (AEG) para divulgar os fondos que custodia sobre diferentes entidades asociativas da diáspora galega e facilitar así a súa consulta e preservación.

Ligazóns relacionadas
https://consellodacultura.gal/evento.php?id=201806