NOTICIA

----

A nova entrega de Proxector agrupa unha ducia de vídeos sobre a sétima arte

“O cine: a ciencia da ficción”é o título do novo especial de Proxector, iniciativa que desenvolve o Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) do Consello da Cultura Galega (CCG) en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela (USC). A entrega recompila unha ducia de recursos audiovisuais nos que diferentes profesionais vinculados co sector explican os procesos propios da produción cinematográfica. Ademais, tamén se incorpora a perspectiva de especialistas en tradución e lingüística, que reflexionan sobre a importancia do subtitulado e da accesibilidade, ao tempo que destacan o papel que tivo a dobraxe no proceso de normalización do idioma galego.

O cine: a ciencia da ficción

En 1987, dous anos despois de que Louis y Auguste Lumière presentaran o seu cinematógrafo en París, a máquina “chegou a Pontevedra, nunha xira que continuou por Vigo, Tui, A Coruña, Ferrol e Lugo”, comeza o especial de Proxector. Á rapidez coa que o invento recalou en Galicia uníuselle outro fito relevante. “José Sellier mercoulles un aparello aos Lumière e non só comezou a exhibir cintas de forma estable na Coruña, senón que produciu a que se considera a primeira filmación galega”, continúa a nova entrega. Nela, escólmanse unha ducia de vídeos que permiten profundar nos inicios do cine en Galicia, coñecer cales son as fases de produción dun filme ou descubrir as potencialidades que ten a sétima arte para transmitirlle á sociedade algunhas das problemáticas actuais.

Así, en “A vida dunha película”, peza elaborada no marco do proxecto Aprendo con Olloboi, o director Alfonso Zarauza e a cineasta Jaione Camborda explican como se xesta unha obra audiovisual dende a etapa inicial da preprodución ata a súa distribución final. Mentres, a cuestión do financiamento é o tema central do recurso “O cinema de baixo orzamento”, no que Marta Pérez Pereiro, Cibrán Tenreiro Uzal, Clara García Nieto e Enrique Castelló Mayo achegan as prácticas audiovisuais dalgúns cineastas que realizaron as súas obras cun presuposto reducido.

O especial presta tamén atención ao cinema galego, que vive, actualmente, “un momento imparable”, tal e como demostran os recentes trunfos nalgúns dos certames máis prestixiosos a nivel internacional, como Sundance, Cannes ou os premios Óscar. Sobre a consolidación deste novo fenómeno de masas na Galicia dos anos vinte do pasado século afonda o recurso “Os 20 do XX. Vinte no cinema”, que se completa co percorrido histórico que o guionista Carlos Ares e a produtora Beli Martínez realizan no vídeo divulgativo “O noso audiovisual”. A dobraxe ao galego de filmes e series e o papel que esta tivo no proceso de normalización do idioma, así como a importancia do subtitulado e da accesibilidade creativa son tamén cuestións que se abordan noutros dos audiovisuais.

Pola súa banda, a peza “Microbioloxía e cine. O caso da resistencia aos antibióticos” subliña o potencial divulgativo que ten o cine para transmitir algunhas das problemáticas ás que se enfronta actualmente a sociedade. Mentres, en “Fluxos migratorios, realidade e ficción, Daniel Vázquez Vila fala de como a representación que se fai dos migrantes nas producións audiovisuais inflúe na percepción que deles ten a cidadanía.

Completan o especial un recurso sobre a teoría do triplo corte no cinema, explicada pola súa creadora, Sara Calvete, e mais outro no que Rocío G. Pedreira, profesora da Área de Didáctica da Lingua e da Literatura da USC, aclara en que consiste o proceso de reescritura literaria dunha película.

O proxecto
Proxector: audiovisuais en galego para a docencia é un espazo web dedicado a recompilar, clasificar e difundir recursos audiovisuais que sirvan de apoio á docencia en lingua galega de diversas materias de bacharelato e de ensino universitario.

O proxecto orixinal foi deseñado polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela e botou a andar no ano 2015 no portal educativo Didactalia. En 2018 o CCG, a través do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG), sumouse á iniciativa e comezou a participar de xeito activo tanto na súa coordinación como na edición de contidos. Cumprindo coas competencias que lle son propias no eido da preservación e difusión do idioma galego, o CCG acordou asumir tamén a custodia dos datos recompilados ao longo destes anos e que, a partir de agora, estarán ao dispor da cidadanía no sitio web institucional.

Os vídeos están clasificados segundo a súa temática, o idioma no que foron gravados ou subtitulados e o nivel de ensino no que se considera que poden ser empregados. A maiores, ofrécese unha ficha descritiva coa información básica de cada recurso. Pódese acceder aos contidos a través da busca libre ou dos diferentes despregables, que permiten filtrar os resultados segundo os criterios de clasificación antes citados.